RELACIÓNS VECIÑAIS

Ábrese o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de subvencións para programas e actividades realizadas polas asociacións veciñais

22/07/2021 Hoxe ábrese o prazo de presentación de solicitudes á "Convocatoria de subvencións a asociacións veciñais sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral durante o exercicio 2021"; despois da súa publicación, onte, no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Estas axudas contan cun orzamento de 100.000 euros.

Poden acollerse a esta convocatoria todas as asociacións veciñais do municipio de Santiago de Compostela que cumpran os seguintes requisitos:

-Figurar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Santiago, con anterioridade á publicación da convocatoria, e ter actualizados os seus datos no citado Rexistro, consonte co que dispón o artigo 17 do Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Santiago de Compostela.
-Estar ao corrente das súas obrigas fiscais coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social, a Comunidade Autónoma de Galicia e co Concello de Santiago de Compostela.
-Non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario das subvencións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O importe subvencionable por entidade solicitante será, como máximo, o 80% do orzamento de gastos que se detalle no formulario de solicitude, cun máximo de 3.000 euros: ou 5.100 euros só naqueles casos de ser entidades veciñais propietarias de equipamentos socioculturais. O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados desde hoxe.

As solicitudes presentaranse, de xeito exclusivo, por medios electrónicos a través da sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela, ou ben a través dos restantes rexistros electrónicos aos que fai referencia o artigo 16.4.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: