ALCALDÍA

O alcalde agradece ao presidente do Goberno a convocatoria do Real Padroado, que se reunirá o día 25 de xullo

19/07/2021 Xosé Sánchez Bugallo quixo agradecer esta mañá ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que dera orde de convocar o Real Padroado da Cidade para o vindeiro domingo, 25 de xullo, ás 17.00 horas no Hostal dos Reis Católicos. A última xuntanza do órgano interadministrativo tivo lugar en decembro de 2003, en vésperas do Ano Santo de 2004.

O rexedor amosouse moi satisfeito por esta convocatoria, realizada pola subsecretaria de Estado de Cultura, "cumprindo instrucións do ministro de Cultura, cumprindo instrucións do presidente do Goberno", que é quen preside o Real Padroado. "Agradezo ao presidente a convocatoria e ao xefe do Estado, presidente de honra do órgano, a súa dispoñibilidade, e o seu apoio ao Camiño, a Santiago e ao Real Padroado".

Sánchez Bugallo salientou que agarda aprobar unha folla de ruta que garanta "a continuidade do Consorcio ata o ano 2032" e que "defina o que imos facer nos próximos doce anos", e que isto vaia acompañado dos recursos económicos precisos.

Real Padroado
En 1991 nacía o Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela, a partir da reformulación dun organismo que, como tal, xa existía dende 1964. O seu obxectivo principal é o de coordinar e promover as accións do Goberno de España, Xunta de Galicia e Concello de Santiago, orientadas á preservación e revitalización da cidade de Santiago de Compostela e do seu patrimonio cultural. O órgano executor das accións marcadas polo Real Padroado é o Consorcio da cidade de Santiago de Compostela, instituído en 1992.

O Real Padroado de Santiago mantén a súa sede na cidade de Santiago. Segundo o decreto de constitución, a presidencia de honra corresponde ao Rei de España e a presidencia ao Presidente do Goberno. Forman parte do mesmo varios ministros, o presidente da Xunta de Galicia, o delegado do Goberno en Galicia, o alcalde de Santiago, o Arcebispo de Santiago e o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela.

O Real Padroado ten como obxectivo promover e coordinar todas aquelas accións que deban realizar en Santiago de Compostela as administracións e entidades que o compoñen, dirixidas á preservación e revitalización do Patrimonio Cultural representado pola Cidade de Santiago, nos seus aspectos histórico-artísticos e arquitectónicos, á difusión dos valores europeístas e ao desenvolvemento e potenciación das actividades turísticas e culturais vinculadas ao itinerario xacobeo.

Para alcanzar ese obxectivo, o labor do Real Padroado é:
a) Promover a execución de obras, servizos e instalacións en xeral, así como a construción e establecemento de medios adecuados de transportes e comunicacións urbanos e interurbanos relacionados cos obxectivos do Padroado.
b) Impulsar a coordinación dos investimentos que se proxecten polas administracións central, autonómica e local, para a realización das obras, servizos e instalacións antes referidas.
c) Promocionar iniciativas e proxectos culturais dirixidos á potenciación da cidade de Compostela na súa condición de lugar de encontro europeo.

Compartir: