XUNTA DE GOBERNO

Aprobados os convenios de colaboración con tres asociacións comerciais, por un total de 100.000 euros, destinados a bonos de aparcamento

12/07/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou tres convenios de colaboración con distintas asociacións de comerciantes, por un importe total de 100.000 euros, co obxecto de subvencionar a entrega de bonos de aparcamento á clientela e dinamizar así o sector. Esta actuación enmárcase no programa de reactivación económica e social municipal PRESS 2021, deseñado para paliar os efectos económicos adversos derivados da crise sanitaria provocada pola COVID- 19.

Ao convenio entre o Concello de Santiago e a Fundación Santiago Centro Área Comercial destinaranse 31.000 euros, á mesma cantidade que figura no texto do documento que está previsto asinar coa Asociación de empresarios e profesionais centro comercial aberto Compostela Monumental. En canto á Asociación Punto Compostela Centro Comercial Aberto, destinaranse 38.000 euros.

A proposta destes convenios, consensuados co sector, contempla o establecemento dun programa de reactivación das compras mediante a entrega de bonos de aparcadoiro. Segundo o texto que figura nos documentos, a facilidade no aparcamento actúa como un forte incentivo de atracción ás principais zonas comerciais urbanas fomentando así o ocio e o consumo dentro da propia cidade.

As asociacións canalizarán as peticións do comercio local, asociado e non asociado, para acceder a bonos de aparcadoiro que posteriormente entregarán á súa clientela polas compras realizadas. O programa tamén persegue a reactivación do comercio local, pola achega importante de recursos que reciben, á vez que estes fidelizan á súa clientela.

Outros acordos
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato denominado "Execución das obras recollidas no proxecto de renovación do céspede sintético do campo de fútbol do Sergas" a favor da empresa Francisco Gómez y Cía, SL, por un importe de 488.432 euros, ao ser a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas. Esta empresa compromete unha ampliación do prazo de garantía das obras de 5 anos e un incremento do 2% do orzamento de control de calidade e do 2% no programa de actuación ambiental.

A maiores, tamén adxudicou o contrato denominado "Execución das obras do proxecto de acondicionamento de aparcadoiro na parcela RE-4 colindante coa Escola de Música e reurbanización da rúa Altiboia. Fase I – aparcadoiro" á empresa Eulogio Viña Obras y Construcciones SA, por un importe de 171.491,4 euros, ao ser a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas.

O executivo local tamén aprobou prorrogar, ata o 15 de xullo de 2022, o contrato de aluguer do local localizado na Calzada das Cancelas nº 19 baixo, utilizado como centro sociocultural no barrio das Cancelas.

Documentos relacionados



Compartir: