ALCALDÍA

O alcalde e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda constatan a boa marcha do polígono da Sionlla

12/07/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitaron esta mañá o polígono da Sionlla, acompañados polo presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, José Fernández Alborés.

O rexedor amosouse moi satisfeito coa marcha do polígono, con preto de 50 licenzas outorgadas polo concello. "Hoxe mesmo se deron dúas na Xunta de Goberno", unha tónica nas últimas xuntanzas do executivo local, que está concedendo "unha ou dúas cada luns". Sánchez Bugallo indicou que "quedan 47 parcelas dispoñibles para seguir medrando", e puxo en valor un polígono que, unha vez que conte con todas as conexións "será excepcional, aínda que xa o é". Lembrou o rexedor que a conexión coa AP-9 e coa autovía de Lugo están "en marcha", e o entronque coa nacional 550, en fase de redacción de proxecto. "Estou seguro de que sortearemos as dificultades e que ao longo deste ano estará concluído o proxecto" para poder saír a licitación o ano que vén. "Non creo que haxa ningún outro polígono en Galicia atravesado por autovía, autopista, estrada nacional e vía do tren", recalcou.

A conselleira tamén incidiu na boa marcha do polígono, o de maior número de parcelas vendidas no primeiro semestre do ano en Galicia. Ángeles Vázquez lembrou que isto "é sinónimo de postos de traballo e de riqueza" e quixo poñer e valor ao empresariado galego e o labor que se está facendo desde as distintas administracións para que as empresas queden en Galicia.

Compartir: