XUNTA DE GOBERNO

O Concello destinará máis de 220.000 euros a 29 actuacións de mellora da accesibilidade

12/07/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, aprobou o proxecto de "Mellora da accesibilidade no Concello de Santiago 2021"; ao que se destinará un orzamento, IVE incluído, de 222.606,40 euros. Está previsto que se leven a cabo actuacións en 29 puntos da cidade e contarán cun prazo de execución de tres meses.

As intervencións previstas son demolición de pavimentos e bordos; escavación de terreos e recheos; nivelación con formigón e pavimentación de beirarrúas; elevación de pasos de peóns e instalación de novos sumidoiros; nova pavimentación podotáctil; retirada de sinalización e recolocación; e colocación de varandas.

Estes puntos que se van mellorar foron seleccionados tralas preto de 300 incidencias recibidas no servizo de Proxectos e Obras procedentes dun estudo elaborado por COGAMI no que analizou todo o percorrido dende a Avenida de Lugo ata Vista Alegre. Tamén chegaron a través doutras entidades como AMICO e ACEM Santiago, ademais das derivadas a través da Liña Verde do Concello. Entre os criterios de selección primaron o número de persoas afectadas, ou que estivese preto de centros escolares, por exemplo.

Ámbito de actuación
- A.01 - Cruce en zona superior de Xoán XXIII con Praza da Paz.

- A.02 - Cruce en zona superior de Xoán XXIII con Rúa Modesto Brocos.

- A.03 - Paso de peóns en Xoán XXIII, xunto ao cruce con Av. de Coimbra.

- A.04 - Paso de peóns e praza de aparcamento en Rúa dos Xasmíns.

- A.05 - Paso de peóns fronte á faculdade de Económicas, na Av. Burgo das Nacións.

- A.06 - Rúa de Alexandre Bóveda, no acceso á escola infantil de Vite.

- A.07 - Cruce de Rúa do Lavadoiro e Rúa do Río, no acceso á escola infantil de Meixonfrio.

- A.08 - Rúa García Lorca, Capela da Guadalupe.

- A.09 - Rúa García Lorca, sobre o número 1.

- A.10 - Rúa García Lorca, Parada de buses, sobre o número 8.

- A.11 - Rúa García Lorca, sobre o número 16.

- A.12 - Rúa dos Irmandiños, IES Arcebispo Xelmírez II.

- A.13 - Rua Ulpiano Villanueva no acceso á Escola Oficial de Idiomas.

- A.14 - Rúa do Valiño, contorna do número 17.

- A.15 - Rúa de París, fronte ao acceso acceso a C.C.Área Central.

- A.16 - Rúa das fontes do Sar no cruce con Brañas do Sar.

- A.17 - Rúa das fontes do Sar, no paso de peóns fronte á Piscina.

- A.18 - Rúa das fontes do Sar, xunto á parada de buses.

- A.19 - Rúa de Portomarín sobre o número 6.

- A.20 - Rúa de Ramón Piñeiro sobre o número 10.

- A.21 - Rúa de Ramón Piñeiro con Domingo Fontán.

- A.22 - Praza de aparcamento na Av Romero Donallo, sobre o núm.43.

- A.23 - Praza de aparcamento na Rúa República Arxentina sobre o núm. 48.

- A.24 - Praza de Galicia

- A.25 - Rúa do Hórreo, sobre o número 74.

- A.26 - Av da Liberdade no cruce con Rúa Xerardo Fernández Albor.

- A.27 - Av da Liberdade na zona de acceso á Rúa de Margarita Nelken.

- A.28 - Cruce da Rúa do Banquete de Conxo e Rúa do Penedo.

- A.29 - Cruce da Rúa de Constantino Limia Nogueira con Rúa da Virxe de Fátima.

Por outra banda, tamén se aprobou o expediente denominado "Subministración, instalación, configuración e posta en marcha de ordenadores de sobremesa e monitores en centros socioculturais no ámbito rural de Santiago de Compostela (POS+ 2020) e a apertura do procedemento de adxudicación baixo a modalidade de aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 29.563,55 euros, IVE engadido.

Outros acordos
O executivo municipal tamén acordou conceder a licenza de obra nova a dúas empresas. A primeira, para a construción dunha nave na Rúa do País Vasco, 5 no polígono empresarial da Sionlla, que contaría cun orzamento de execución material de 687.725 euros.

As actuacións consistirán na construción dunha nave de dous andares sobre rasante e dous andares soto, cunha superficie total construída de 4.284,11 m2. As plantas baixas destinaranse a garaxe, e as demáis a uso terciario. A edificación situase en sólo clasificado como urbanizable no PXOM vixente e cualificado coa "Ordenanza 3. Edificación semiadosada, Variante 3.A. do Proxecto sectorial da Sionlla".

Tamén se concedeu licenza a outra empresa, do sector audiovisual, para a construción dunha nave industrial na Rúa de Castela A Mancha, número 16, cun orzamento de execución material de 717 229 euros. As actuacións consistirán na construción dunha nave industrial de dous andares destinada a fabricación,instalación, venda e almacenaxe de equipos de telecomunicación, cunha ocupación en planta de 1.268,90 m2. A edificación está situada en solo clasificado como urbanizable no PXOM vixente e cualificado coa "Ordenanza 4. Edificación exenta, Variante 4b do Proxecto sectorial da Sionlla".

Documentos relacionados



Compartir: