IGUALDADE

Reactívase Territorio das Mulleres e póñense en marcha dous programas educativos sobre igualdade

04/05/2021 A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, presentou hoxe a reactivación do proxecto Territorio das Mulleres, o paraugas institucional baixo o que se desenvolverán, durante os próximos 14 meses, campañas, programas, festas e obradoiros en espazos abertos. Este programa é un dos tres piares sobre o que se asentan as políticas de igualdade do Concello de Santiago.

O segundo, é a educación e concienciación, cuberto cos proxectos COMPIGUAL (COMPostela pla IGUALdade de xénero) e Melibea, tamén presentados hoxe. E o terceiro piar sería a Casa Xohana Torres, un espazo de debate e reflexión no que conflúen as políticas, programas e proxectos que teñen como finalizada avazar cara a consecución da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres; e que despois da permanecer pechada durante a pandemia, abriu as súas portas o pasado venres. Estes tres piares, sinalou Mercedes Rosón, xa están activados" e servirán "para situar á igualdade como centro de todas as nosas accións". A concelleira recordou a transversalidade das políticas de igualdade, necesarias, dixo, para construir unha "cidade máis solidaria, máis igualitaria e máis diversa".

Todas estas accións, a excepción do proxecto Melibea, forman parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Territorio das Mulleres
Territorio das Mulleres naceu no 2016 co obxectivo de dar cobertura e poñer en valor as políticas públicas feministas que viñan traballando pola incorporación da perspectiva de xénero na administración municipal e tamén na vida cotiá da veciñanza compostelá. Unha ferramenta, sinalou a concelleira, "amplificadora de todo o que pasa en Compostela" en materia de igualdade.

Despois do parón forzoso marcado pola pandemia, a Concellaría de Políticas de Igualdade, recupera esta marca con azos renovados, apoiada no programa Revive Santiago que conta con financiamento dos fondos europeos FEDER para a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi). Segundo sinalou Mercedes Rosón, "hoxe preséntase unha nova etapa do proxecto Territorio das Mulleres, que trasladará á cidadanía o compromiso do goberno municipal coas políticas de igualdade".

A concelleira estivo acompañada por tres técnicas do proxecto, Sonia Díaz, Lucía Fernández e Raquel González Ferrón. É o novo equipo do proxecto "Compostela, Territorio das Mulleres": unha experta en políticas de xénero, unha técnica de comunicación e a coordinadora xeral da empresa Atlantic Ponte, que comezaron xa a revisión do Mapa feminista da cidade, ao que se incorporarán, ademais do sector da hostalería, o do comercio e o da cultura. O obxectivo é elaborar unha foto fixa do empresariado da cidade comprometido coa igualdade. As entidades e as persoas que queiran formar parte do programa poden amosar o seu interese a través da web, das redes sociais e do correo electrónico territoriodasmulleres@gmail.com.

Ao facelo, comprométense a participar na análise da situación e a coñecer e implementar as boas prácticas para a incorporación da perspectiva de xénero no seu día a día. A cambio, poderán acceder a formación específica e incorporarán nos seus establecementos ou sitios web un distintivo que porá en valor a súa aposta pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e formarán parte parte do Mapa feminista da cidade. Un mapa que servirá para poñer en valor lugares e espazos que teñen relevancia no relato histórico das mulleres da cidade e para apoiar e promover aos axentes sociais e económicos comprometidos coa loita feminista.

Territorio das Mulleres é, tamén, o paraugas institucional baixo o que se desenvolverán durante os 14 meses de duración do proxecto campañas, programas, festas e obradoiros en espazos diversos, integrando o conxunto das propostas municipais que traballan ao longo de todo o ano e moi especialmente en datas sinaladas como o 8M, o 18 de Xuño ou o 25 de Novembro para transformar os roles de xénero e as estruturas patriarcais que reproducen as desigualdades de xénero, promovendo a transversalidade feminista na organización municipal.

COMPIGUAL
Mercedes Rosón tamén presentou COMPIGUAL, COMPostela pola IGUALdade de xénero, un programa para traballar a educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero en Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación especial.

Estivo acompañada de Rosa Torrado, coordinadora xeral do programa e directora de RETNOVA Proxectiva Consulting, S.L, empresa adxudicataria do proxecto, e de parte do seu equipo.

COMPIGUAL configúrase como un programa de actuación na comunidade educativa, co obxectivo de difundir e fomentar entre a infancia, a adolescencia e a mocidade escolarizada nos centros de ensino composteláns; os valores positivos da igualdade entre mulleres e homes e a prevención da violencia de xénero.

O programa responde á necesidade de fomentar a educación en igualdade desde as idades máis temperás e desde a perspectiva de recoñecemento das diversidades. As accións estarán baseadas nun enfoque transversal, integral e sistémico, asumindo como premisas básicas a coeducación e a aprendizaxe transversal. Pretende actuar nos centros educativos de Compostela, tanto públicos como privados, cos que se contactará de forma personalizada coa intención de captar o maior número de participantes, co firme convencemento dos avances que este programa permitirá realizar no camiño pola igualdade.

Promoveranse modelos de relación baseados na igualdade e a non discriminación nas distintas etapas e fomentarase a creación de novos modelos de referencia para impulsar o empoderamento feminino.No proceso de captación incluiranse todas as etapas educativas e tamén os centros de formación profesional e de educación especial. Deste xeito, convértese no primeiro programa municipal que pretende chegar a toda a poboación escolarizada non universitaria. Non obstante, tendo en conta o tamaño deste grupo de poboación seleccionaranse determinados niveis dentro de cada etapa de cara a conseguir unha máis efectiva integración das aprendizaxes entre o alumnado.

Tamén se traballará co profesorado para a adquisición de coñecementos específicos sobre coeducación e prevención das violencias de xénero, sobre a socialización de xénero e os seus mecanismos de transmisión. O persoal docente contará cunha guía de recursos didácticos para a igualdade e con charlas (in)formativas sobre a dita guía.

Así mesmo, haberá actividades conxuntas da comunidade educativa, como "Lendo pola igualdade" ou "Puntos de encontro: a miña filla/alumna sofre violencia".

O programa contará tamén coa participación de asociacións ou outras entidades que actúan en áreas relacionadas con esta iniciativa e así ampliar e implicar a toda a comunidade. Por exemplo, buscarase a participación de persoas expertas de asociacións de mulleres/asociacións feministas localizadas en Santiago de Compostela, co obxecto de reforzar o traballo de concienciación do profesorado e de autocoñecemento en relación coa igualdade.

COMPIGUAL terá unha incidencia importante tamén na poboación en xeral, grazas á difusión que se levará a cabo na redes sociais e en prensa e a través de materiais de divulgación e de merchandinsing, pero tamén polos efectos indirectos de traballar con toda a comunidade educativa e coa comunidade asociativa.

Este programa desenvolveranse ao longo de dous anos, concretamente desde abril de 2021 a marzo de 2023, tocando deste xeito tres cursos escolares: último trimestre do curso 2020-2021, o curso completo 2021-2022 e unha parte importante do curso académico 2022-2023.

As accións dirixidas ao alumnado serán de diversa tipoloxía. Por un lado, accións formativas de carácter presencial a través de talleres interactivos e vivenciais para Educacion Infantil, Primaria e Secundaria. Así, traballarase en Infantil o uso non sexista de xogos e xoguetes, a responsabilidade compartida no fogar e o deporte igualitario; en Primaria, talleres como "A min gústame o rosa! - Socialización de xénero" ou "Falemos de amor-violencias machistas". En Secundaria, "Falemos de masculinidade, falemos de igualdade" e "Taller de prevención da violencia no novo contexto dixital".

Por outro lado, accións masivas a través do uso das TIC en Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, como concurso de vídeos ou imaxes pola igualdade e xogos dixitais.

Neste momento, estase iniciando o proceso de comunicación cos centros educativos para a súa participación no programa, tras idear o nome, lema e logo da campaña que se tamén se presentou hoxe mesmo: COMPIGUAL, COMPostela pola IGUALdade de xénero.

Esta iniciativa forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Proxecto Melibea
A concelleira de Igualdade tamén presentou o Proxecto Melibea de educación afectivo-sexual, que ten como obxectivo, segundo explicou Mercedes Rosón, "fomentar unha sexualidade positiva, saudable". Así se lle vai trasladar ao alumando dos centros educativos do concello e da contorna. En concreto, nesta edición proponse para 5º e 6º de Primaria e para 1º e 2º da ESO.

O obxectivo xeral do programa Melibea, segundo explicou a coordinadora do proxecto, Beatriz Viñal, é realizar unha educación sexual integral abarcando as diferentes etapas evolutivas e os diferentes axentes educativos. Pero tamén coñecer os aspectos da sexualidade humana, desmitificala, aumentar o bo trato nas relacións, aprender a respectar a diversidade sexual ou respectar o propio corpo e o das demais persoas entre outros.

Nun inicio, están previstas catro sesións de dúas horas cada unha por cada grupo. Evitaranse épocas de carga de traballo e planificarase o horario e as datas co centro educativo interesado. Ademais, axustarase o contido en base as necesidades das persoas destinatarias. O lugar de realización será a propia aula do grupo ou un espazo cedido polo propio centro. Xa se levou a cabo nos centros escolares Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Lamas de Abade, Fontiñas e Vilas Alborada.

Segundo explicou Mercedes Rosón, "estamos ante un tema moi persoal, no que non caben discursos de medo, comportamentos retrógrados nin patróns machistas. Hai que traballar dende o amor propio, o autocoñecemento, o respecto, a erótica. Son cuestións sociais que non podemos eludir nese avance cara a igualdade, cara unha sexualidade plena", engadiu.

Compartir: