URBANISMO

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente o plan de actuación para o desenvolvemento do sistema de alumeado ornamental Cromalux

16/03/2021 A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, a solicitude de aprobación do "Plan Actuación para o desenvolvemento dun sistema de alumeado ornamental para a conservación do patrimonio (Cromalux)", que está a desenvolver a sociedade Televés, en colaboración coa USC e a empresa Ferrovial para unha instalación piloto de iluminación da fachada da Casa do Cabido no marco do proxecto Smartiago.

Co obxecto de que a intervención Cromalux sexa respectuosa co patrimonio cultural do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1), deberanse ter en conta varias condicións técnicas, entre elas:

En relación coa proposta de instalación de proxectores para o alumeado ornamental no edificio do Museo das Peregrinacións (antigo Banco de España), non se atopa inconveniente para a localización destes elementos integrados no balcón da fachada principal, onde tamén existe xa unha instalación de cámara de videovixilancia. Advírtese que a forma de colocación deberá ser a mais discreta posible para evitar calquera impacto visual negativo na súa visión dende a rúa.

Polo que respecta á instalación de proxectores na fachada do Tesouro do edificio claustral da Catedral, aproveitando o soporte metálico do farol e a liña de alumeado público existente que discorre pola mencionada fachada, infórmase que dita proposta é autorizable unicamente con carácter temporal, por tratarse dunha experiencia piloto encadrada dentro dun traballo de investigación para a elaboración dun prototipo, e cun prazo temporal acoutado vinculado ao desenvolvemento do contrato do programa Smartiago.

Considérase tamén imprescindible para garantir o éxito da proposta que realice unha colaboración co Instituto de Meteoroloxía da USC dirixido por José Angel Docobo, a fin de poder ter en conta os datos dispoñibles sobre os parámetros de climatoloxía que poidan ter influencia no resultado do programa.

O desenvolvemento do proxecto deberá incorporar algún tipo de elementos de control; por exemplo, deixando algunha zona da fachada non iluminada para poder testar a eficacia do sistema proxectado, comparando a evolución do estado de conservación das diferentes partes da fachada do monumento durante o tempo que dure o programa.

O contrato de Cromalux (antres Biolumen), adxudicouse en Xunta de Goberno, o 12 de novembro de 2020, por un orzamento de 507.092,09 euros (IVE excluído). Era a oferta máis vantaxosa das presentadas, que a maiores, comprometía un 10 % dos roialties da solución desenvolta por un valor de 751.707,07 euros.

O obxectivo principal deste contrato de servizos de I+D é o deseño, desenvolvemento e posta en funcionamento dunha solución piloto de alumeado ornamental que, a través de tecnoloxía LED, permita inhibir o crecemento de microorganismos no patrimonio monumental de Santiago de Compostela. De acordo cos pregos do contrato, a instalación piloto está prevista para o alumeado da fachada norte da Casa do Cabido, na Praza das Praterías.

Na memoria presentada, sinálase, dun xeito máis concreto, que Cromalux é unha experiencia piloto para probar a través da iluminación da Casa do Cabido o desenvolvemento dunha solución innovadora de alumeado público ornamental, respectuosa co patrimonio con capacidade biostática (inhibidora) e potencialmente biocida (destrutiva), altamente eficiente e ambientalmente responsable sobre a saúde humana e a biodiversidade.

O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude dun convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.

USC
A Comisión Asesora de Patrimonio Histórico informou favorablemente as obras promovidas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) no Pazo de San Xerome, tanto na Praza do Obradoiro como na Praza de Fonseca, segundo o "Proxecto de restauración de elementos singulares dos colexios de Fonseca e San Xerome". Autoriza a intervención, que conta cun orzamento de execución de 208.081,32 euros e un prazo de execución de 3 meses, coas seguintes condicións:

Os traballos de conservación e mantemento no claustro do Pazo de Fonseca e nas dúas portadas exteriores deberán estenderse tamén a calquera dos elementos artísticos das fachadas (escudos, selos, balaústres, gárgolas, cornixas...).

Advírtese ademais que a intervención na portada do Pazo de San Xerome deberá propoñer unha intervención nas esculturas de San Pedro e Santiago situadas a ambos lados do limiar da porta de acceso, e que están afectadas por fisuras que se manifestan nas aureolas das dúas figuras.

Lémbrase que segundo o disposto no art. 58 da Lei 5/2016 do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, o proxecto de restauración terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural antes da concesión de licenza municipal.

O proceso de intervención descrito no proxecto comprende, entre outras, as seguintes actuacións: toma de mostras, análise de resultados, eliminación da pátina biolóxica e limpeza xeral, limpeza de restos polícromos, eliminación de costras negras e carbonatacións, eliminación de elementos metálicos, eliminación do encintado, inxección de zonas saíntes, encintado de xuntas, reintegración volumétrica e hidrofugación.

En relación coa solicitude de viabilidade urbanística da proposta de intervención na Facultade de Química da USC situada na Avenida das Ciencias, a Comisión Asesora de Patrimonio establece varias condicións para o desenvolvemento do proxecto, no que están previstas actuacións de rehabilitación e reforma encamiñadas ao mantemento das condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato da edificación.

Así, considera que a localización das instalacións dentro do espazo baixo cuberta actual, eliminando parte dos faldróns inclinados da cuberta, non resulta a máis acaída, tendo en conta a existencia doutras solucións con menor impacto na imaxe do inmoble catalogado. Proponse como alternativa a localización dos cuartos de instalacións que sexan necesarios, e incluso o traslado do centro de transformación actualmente existente no interior do inmoble, a unhas novas dependencias soterradas realizadas "ex novo" fóra da aliñación exterior do inmoble, pero dentro da parcela propiedade da USC que non está destinada a viario. As novas dependencias en planta soto poderán realizarse tanto na parte da parcela acondicionada co uso de zona verde como na destinada a zona de aparcadoiro e beirarrúas. No primeiro caso, será necesario que o acabado da cuberta das novas plantas soto se resolva de forma axardinada en continuidade coa zona verde existente, a fin de garantir unha correcta integración na imaxe urbana do entorno protexido.

Catedral de Santiago
A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico tamén informou favorablemente as obras solicitadas pola Fundación Catedral de Santiago, consistente na restauración da cuberta da capela da Comuñón da catedral, que conta cun orzamento de execución material de 175.505,31 euros en un prazo de execución de 5 meses.

Porén, recomenda, a fin de optimizar os medios auxiliares que se disporán para a actuación proxectada, que se amplíen os traballos previstos incluíndo o saneamento e limpeza da totalidade dos paramentos verticais exteriores da capela. Tamén se observa a conveniencia de incluír nas actuacións un tratamento de limpeza e protección dos antigos ancoraxes metálicos que se conserven incrustados na fábrica, a fin de evitar a degradación da pedra provocada pola oxidación das pezas metálicas.

Outros
En relación á sinaléctica para a concellaría de Cultura na antiga Casa Consistorial da Praza de Cervantes, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórica considera que a colocación de dúas bandeirolas a escasa distancia unha da outra e suxeitas aos elementos metálicos protexidos dos balcóns oculta parte dos elementos catalogados da fachada. Pero si ve aceptable a colocación dunha única bandeirola na esquina do inmoble, dunha altura menor á proposta, de xeito que non oculte a varanda de ferro dos balcóns catalogados da planta primeira; e de que sexa visible dende a Rúa do Preguntoiro e desde a Praza de Cervantes.

A maiores, deuse luz verde, a solicitude da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, á proxección do logotipo da Federación Síndrome de Down na iluminación da torre da Berenguela da catedral de Santiago de Compostela, con motivo da celebración do Día mundial da Síndrome de Down, o 21 de marzo.

Por outra banda, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informou que non era viable a instalación dunha torre de 40 metros de altura a carón da actual sede do Parque de Bombeiros, na Praza de Camilo Díaz Baliño desde o punto de vista da protección do patrimonio cultural.

Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.

Compartir: