PLENO

O Pleno aproba o expediente de crédito para a adquisición do 31% do capital de UNINOVA e o convenio de xestión e explotación da nova estación de autobuses

12/01/2021 O Pleno do Concello de Santiago, reunido en sesión extraordinaria, aprobou hoxe, cos votos a favor de todos os grupos da Corporación Municipal, o expediente de crédito extraordinario por importe de 57.198 euros, co obxectivo de adquirir o 31% do capital social da empresa Uninova, da cal o Concello é socio, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela.

O Concello de Santiago, que actualmente ten o 49% desa sociedade, pasaría a ter o 80%. Segundo explicou o alcalde UNINOVA (Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, S.L) quedaría como unha sociedade de capital 100% público, xa que o 20% restante estaría en mans da USC (Universidade de Santiago de Compostela). Xosé Sánchez Bugallo explicou que "pasaría a configurarse como medio propio, unha sociedade instrumental do concello de Santiago, co obxectivo de que o concello lle poida facer encomendas de xestión directamente, sen necesidade de concurso público, e coa finalidade de que lle poidamos transferir a parcela necesaria para a construción do centro de biotecnoloxía no Polígono da Sionlla".

Isto, engadiu, "non se podería facer doutro xeito", de aí a urxencia da aprobación. O rexedor indicou que "a subvención da 4 millóns de euros concedida pola Xunta de Galicia con cargo a Fondos europeos, para a construción do laboratorio ten unha data límite, que é o 22 de xuño de 2022. Nesa data o laboratorio debe estar construído e a obra certificada. Para que isto sexa posible, temos que dar moitos pasos". Enumerounos: "constituír formalmente a sociedade na súa configuración actual; constituír a nova sociedade de xestión, na que participaría o concello e a unversidade a través de UNINOVA (sería o noso instrumento de participación cos operadores privados); transmitir esa parcela; licitar a construción dese centro; adxudicalo; realizar a obra, e certificala. Todo isto ten que estar finalizado o 22 de xuño do ano que vén".

O alcalde explicou que a previsión inicial era que tivese ido ao pleno do 17 de decembro pasado, pero non foi posible; e por "iso o traemos a este pleno extraordinario e urxente". Sánchez Bugallo considera que é un tema "fundamental" para a cidade, "e calquera día que poidamos gañar pode ser moi útil para cumprir os obxectivos e compromisos que temos". O alcalde aclarou que "non foi un tempo perdido, porque en paralelo estase traballando por outro lado na definición do proxecto técnico que debe ser o que se utilice para a licitación".

Convenio para a xestión da estación de autobuses
Tamén saiu adiante, cos votos a favor dos Grupo Sociliasta, o Grupo Popular e Compostela Aberta e a abstención do BNG, o convenio entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o Concello de Santiago de Compostela, e a Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago, SA (TUSSA) para a ordenación da xestión da explotación da estación de autobuses de Santiago de Compostela.

Un convenio que explicou no pleno o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños. O obxecto do texto aprobado é "ordear as relacións de carácter patrimonial entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Santiago de Compostela para garantir a xestión da explotación da estación de autobuses de Santiago de Compostela, a través da materialización das seguintes actuacións:

1. Formalizar a resolución, por mutuo acordo das partes, do contrato de xestión do servizo publico da estación de autobuses adxudicado ao Concello de Santiago por Resolución do Ministerio de Obra Publicas de 1 de xuño de 1971 e, posteriormente, cedido á sociedade municipal TUSSA o 5 de abril de 2005.

2. Outorgar ao Concello de Santiago de Compostela unha concesión de dominio público sobre os terreos e as instalacións da estación de autobuses de Santiago de Compostela integrada na estación intermodal, situada na rúa Clara Campoamor, e construída pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, segundo o proxecto denominado "Fase I do proxecto integrado da nova estación intermodal de Santiago de Compostela (estación de autobuses e pasarela peonil de conexión – incluso praza Clara Campoamor), para a xestión da explotación da estación de autobuses de Santiago de Compostela".

O Concello de Santiago pasaría así a xestionar a explotación da estación de autobuses de Santiago de Compostela por un prazo de 25 anos, que comezará a computar desde a data de subscrición da acta de posta en servizo da estación de autobuses.

Segundo o convenio, a efectos de velar polo cumprimento das obrigas contraídas por cada unha das partes intervintes e coordinar a finalización da prestación do servizo público e o peche da actual estación de autobuses así como o inicio da explotación da nova estación, crease unha Comisión de Seguimento paritaria composta por un representante da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e un representante do Concello de Santiago de Compostela. Entre outras funcións, levará a cabo o seguimento da posta en servizo e inicio da actividade da nova estación de autobuses integrada na estación intermodal; e resolverá os problemas que se poidan suscitar na interpretación do convenio.

O alcalde recoñeceu que "foi unha negociación complexa", e recordou que Santiago é a única cidade onde a xestión é municipal. Explicou que había dous requisitos básicos que se puxeron enriba da mesa: que a concesión tiña que ser por 25 anos, ata o ano 2046, "e iso condicionou que tivera que ser demanial, xa que se fora de sevizos o prazo tiña que ser de 8 anos". O segundo tema era a garantía do equilibrio económico da explotación. O que se propuña, indicou "era unha revisión cada cinco anos, pero o primeiro ano, pensamos, había que facer unha primeira revisión e despois estabilizalo en 5 anos". Tamén se revisou outra cláusula, subliñou, na que "parecía que TUSSA ía ter a concesión directa da Xunta e entendiamos que tiña que ser o concello".

Un dos "cabalos de batalla", segundo explicou Sánchez Bugallo, foi a "pasarela". Destacou a negativa da Xunta a asumir a pasarela "en base ao contido do convenio asinado en 2016, que establece que o concello se convirte en titular e responsable da conservacion e mantemento da pasarela. O final temos que cumprir o que está asinado e pactado nese convenio", engadiu. O alcade sinalou que "ao final é unha boa negociación que finaliza nun resultado razonable".

Na rolda de prensa posterior ao pleno, o alcalde de Santiago indicou que a data prevista pola Consellería para o fin das obras e a entrega da estación é o 15 de marzo. "No momento no que a recibamos, sinalou o rexedor, abrirase un período de tempo para facer o traslado de persoal" e de todo o necesario para a súa posta en marcha efectiva, que calcula se produza na primeira quincena de maio.

O pleno rematou coa dación de conta da remisión ao Consello de Contas das contas da Fundación Eugenio Granell, correspondentes ao exercicio 2019, que, segundo sinalou o alcalde, obtiveron o visto bó.

Compartir: