PERSOAL

A mesa xeral de negociación abordou o acordo de funcionarización e as liñas de actuación en materia de recursos humanos

23/06/2020 A concelleira de Economía, Facenda, Persoal e Modernización da Administración Local, Marta Abal, presidiu hoxe a primeira mesa xeral de negociación unha vez superado o Estado de Alarma. Entre os asuntos tratados, figuraron a oferta de emprego público do ano 2020, o borrador sobre o acordo de funcionarización do persoal laboral fixo e as liñas de actuación en materia de recursos humanos que ten previsto desenvolver o equipo de goberno no período comprendido entre os exercicios 2020 e 2022.

En relación ao borrador sobre o acordo de funcionarización, abriuse un prazo de alegacións ata o día 1 de xullo para que as organizacións sindicais presenten as alegacións e matizacións que consideren oportunas. Rematado este prazo, incorporaranse aquelas que sexan posibles ao acordo final; que previsiblemente se someterá a aprobación definitiva na próxima mesa xeral de negociación. Unha mesa que está previsto celebrar a principios de xullo. Este proceso de funcionarización ten como obxectivo establecer un único réxime xurídico para o persoal da administración.

O proceso de funcionarizacion do persoal laboral fixo do Concello de Santiago ten a súa fundamentación no Estatuto Básico do Empregado Público e na Lei da Función Pública de Galicia. A través deste proceso, cuxas bases serán aprobadas na mesa de negociación, 57 persoas terán a opción de mudar o seu réxime xurídico de laboral a funcionario, facilitando así a mobilidade do colectivo profesional, de tal xeito que quedaría garantida a promoción profesional en igualdade de condicións para todo o persoal empregado municipal. O proceso de funcionarización basease na voluntariedade das persoas afectadas, a non discriminación, o mérito, a capacidade, a garantía de dereitos, a coherencia e a racionalidade.

En relación ao segundo asunto, son liñas de actuación concretas en materia de persoal, a desenvolver polo Goberno municipal no período comprendido entre os exercicios 2020 e 2022. Liñas relacionadas, por exemplo, coa organización administrativa, coa relación de postos de traballo ou coa estabilización do emprego. Tamén se deu un prazo ata o 1 de xullo, para que as organizacións sindicais poidan aportar calquera consideración ou elemento que crean necesario para completar e mellorar o documento inicial.

O cumprimento destas liñas xerais que se presentaron ás organizacións sindicais, xunto coas melloras que propoñan, permitirán a todo o persoal empregado público do Concello de Santiago de Compostela acadar a estabilización laboral, melloras retributivas importantes, a mobilidade da carreira profesional, o emprego de calidade e a posibilidade da promoción e mellora profesional.

Compartir: