ALCALDÍA

Técnicos do Concello e do Consorcio revisan os muros máis importantes da cidade

20/12/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, expresou esta mañá a súa consternación polo falecemento onte de Salvador José Piñón Pena, veciño da rúa de Teo e natural de Ortigueira, a consecuencia do derrubamento dun muro na rúa da Costiña do Monte. O rexedor anunciou tamén que técnicos municipais e do Consorcio están revisar os muros máis importantes do municipio para avaliar se existira algún tipo de risco.

Segundo explicou Sánchez Bugallo, ás 17:45 horas deste xoves tívose coñecemento do derrubamento na rúa da Costiña do Monte de parte do muro perimetral do parque de Bonaval. Ata alí se desprazou de inmediato o concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Gonzalo Muíños, e un arquitecto e un enxeñeiro municipal -para valorar os danos e os riscos- ademais da Policía Local e os Bombeiros. Posteriormente tamén se desprazou ao lugar o concelleiro de Obras, Javier Fernández.

De acordo cos técnicos, apuntou o rexedor, requiriuse a unha empresa construtora para que efectuara de inmediato os labores de desescombro, limpeza e sustentación do muro. Inicialmente constatouse a afectación de tres vehículos, pero ás 22:30 horas, cando os operarios estaban rematando de retirar os restos do muro, aparece o corpo dun varón, trasladándose ao lugar unha ambulancia do 061. O médico da mesma ditamina o falecemento desta persoa e, sobre as 23:20 horas, o forense ordena o levantamento do Corpo e a Policía Científica faise cargo das actuacións.

Grazas á documentación que portaba, identifícase o falecido, que resulta ser Salvador José Piñón Pena, de 80 anos de idade e veciño da rúa de Teo. Os labores de desescombro e valado da zona rematan ás 4:35 horas da madrugada.

Tras explicar o relato dos feitos, o alcalde volveu lamentar o falecemento desta persoa e agradeceu o traballo de todas as persoas que participaron nos traballos. Ademais, indicou que se está en contacto coa familia do falecido, que está á espera da autorización do Instituto de Medicina Legal para o traslado do cadáver a Ortigueira.

Acumulación de terra enchoupada
Segundo os técnicos, explicou Sánchez Bugallo, a causa do derrubamento foi "a acumulación de terra enchoupada entre dous muros, o que rodea o cemiterio de Bonaval e o que está a carón da rúa da Costiña", que foi o que cedeu. Apuntou que se trata dun "muro moi alto, de seis metros" e que "ademais hai un desnivel grande, de catro metros, o terreo do parque e a rúa".

O alcalde anunciou tamén que esta mañá se encargou a técnicos municipais e do Consorcio "a revisión dos muros máis importantes de Santiago, en especial aqueles que poidan entrañar algún tipo de risco ou potencialmente perigosos". Os técnicos do Consorcio estanse centrando na zona histórica e os municipais no resto do municipio.

Sánchez Bugallo agarda contar o luns con, cando menos, un informe preliminar par ao vindeiro luns sobre o estado destes muros, "sen prexuízo das medidas inmediatas que se puideran adoptar se os técnicos atopan algunha deficiencia". Por seguridade, dixo, vanse revisar tanto muros públicos como privados, recordando a existencia na cidade dun bo número de muros "moi altos e de moita antigüidade".

Respecto ás medidas de seguridade
O alcalde tamén aproveitou a súa comparecencia para facer un chamamento a que "se respecten as medidas de seguridade" e a que "se actúe coa máxima prudencia" ante os episodios de mala climatoloxía. Así, lamentou que "en moitos casos faise caso omiso do precinto e peche dos parques", polo que reiterou a petición de colaboración e atención ás indicacións da Policía Local e dos servizos de emerxencia.

Compartir: