ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal únese aos coros da Catedral para dous concertos especiais de Nadal

18/12/2019 A Banda Municipal de Música de Santiago súmase á programación de Nadal con dous concertos, un este sábado 21 de decembro, ás 21:00 horas, na igrexa de San Francisco, e outro o sábado 4 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. En ambos os dous concertos, a Banda estará acompañada da Escolanía e do Coro Cardeal Quiroga, da Catedral de Santiago, para interpretar un repertorio propio destas datas de Nadal.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou estas dúas novas colaboracións da Banda acompañado do director da formación municipal, Casiano Mouriño, e do director dos coros da Catedral, José Luis Vázquez. A entrada é de balde ata completar o aforo.

De entre o repertorio a interpretar nos dous concertos, Casiano Mouriño destacou a complexidade que supón interpretar a Fantasia on Christmas Carols, de Ralph Vaughan Williams, unha obra para barítono, coro e orquestra que nesta ocasión se adaptará para coro de nenos e banda.

De "reto" tamén cualificou José Luis Vázquez a interpretación desta peza, e de "honra" que a Banda "pense en nós para programas conxuntos". A Escolanía e o Coro Cardeal Quiroga xuntarán unhas 95 persoas no escenario para estes concertos.

O Concerto de Nadal do sábado pechará coa interpretación de varias panxoliñas e dalgunha "sorpresa", segundo anunciou o director da Banda compostelá. No concerto do 4 de xaneiro repetirase parte do repertorio, pero haberá tamén pezas diferentes, como varias polcas de Strauss.

Documentos relacionados



Compartir: