FESTAS

Preto de 500 persoas farán posible unha Cabalgata de Reis chea de sorpresas

17/12/2019 "Agasallando ilusións" é o lema escollido para unha nova edición da Cabalgata de Reis, que encherá de fantasía, personaxes de conto e moitas sorpresas a tarde do 5 de xaneiro. Preto de 500 persoas e 26 agrupacións artísticas participarán nun desfile dinámico e participativo que partirá como cada ano da estación de ferrocarril ás 17:30 horas. Repartiranse 1.400 quilos de caramelos sen glute.

Os detalles da celebración foron presentados este martes polo concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, acompañado polo coordinador artístico da Cabalgata, Xaime López, e por unha representación das agrupacións participantes: Beatriz Viñal, da Escola de Danza Mandala; Leodán Rodríguez, da compañía de danza Can Cun Quinqué; e María del Carmen Pérez, de Armadanzas. Todos/as eles/as fixeron a súa particular petición aos Reis Magos, que haxa bo tempo esa tarde o 5 de xaneiro.

Este ano, as tres carrozas dos Reis Magos estarán escoltadas polas do carteiro e heraldos reais, pola da Carboeira e pola do Quebranoces. E con eles e elas, unha chea de personaxes imprescindibles na Cabalgata, como as estrelas luminosas, as cartas danzantes, os renos voadores, as tradicionais danzas de reis ou os trasgos diminutos. Ademais, tamén danzarán polas rúas novas e curiosas personaxes coma cabalos cheos de luz, acróbatas, músicos, zancudos e ata unha fada dos doces.

Unha das novidades desta edición é a presenza dos personaxes dun dos contos de Nadal máis tradicionais, O Quebranoces, creado por E. T. A. Hoffmann, logo adaptado por Alexandre Dumas e finalmente reinterpretado musicalmente por Petr Ilich Chaikovskii. Co Quebranoces estarán as soldadiñas de chumbo, os ratiños e personaxes do mundo dos doces.

Espectáculos artísticos diversos
Da posta en escena desta Cabalgata encargaranse preto de 450 persoas, entre grupos profesionais, asociacións veciñais colaboradoras e persoas voluntarias. Participarán 26 agrupacións artísticas con espectáculos de diferentes temáticas, moitos deles deseñados e dirixidos para a ocasión. Entres estas agrupacións estarán escolas de danza como Mandala e Can Cun Quinqué, a Agrupación Cantigas e Agarimos, a Banda de Tambores e Cornetas e as compañías Barafunda, Bambolea, Artistalia, Eventos Culture ou Pablo Méndez, entre outras.

A comitiva real sairá da estación de tren ás 17:30 horas e chegará arredor das 19:30 horas á praza do Obradoiro, onde se celebrará un concerto final da man do recoñecido grupo musical para familias Mamá Cabra. Non faltarán, por suposto, as agardadas visitas que as nenas e os nenos composteláns poderán facer aos Reis Magos unha vez finalizada a Cabalgata no Pazo de Raxoi, co obxectivo de transmitirlle ás Súas Maxestades os seus desexos antes de que abandonen a cidade.

Participación
A Cabalgata está aberta á participación cidadá. Xa se cubriron as prazas de voluntarios/as e o xoves realizarse o sorteo para ser un/unha dos/das nove paxes reais entre todas as solicitudes recibidas.

Aínda quedan prazas nos trens que irán na Cabalgata acompañando as carrozas. A inscrición pode facerse chamando ao número de teléfono 604 062 506. A participación é aberta a todas as idades, pero os/as menores de 12 anos deben ir acompañados/as e os/as maiores de 12 anos que queiran viaxar sos/soas no tren deben chegar á saída da Cabalgata cunha persoa maior que asine a autorización antes de subir ao tren.

Por unha Cabalgata segura
Gonzalo Muíños tamén pediu a colaboración cidadá para lograr unha Cabalgata segura. Por iso, demandou que non se utilicen sprays de neve e serpentinas, que comprometen a seguridade do evento ao privar de visibilidade aos/ás condutores/as das carrozas, especialmente en tramos estreitos ou moi concorridos. Tamén supoñen un perigo para os/as propios/as participantes no desfile, xa que torna a calzada moito máis esvaradía.

Direccións relacionadas



Compartir: