XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba as bases dos Premios Santiago Deporte 2019

16/12/2019 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou as bases dos Premios Santiago Deporte 2019, que se entregarán nunha gala no primeiro trimestre de 2020. Entre outros asuntos, dos que dou conta o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa, tamén se ratificaron as xustificacións de varios convenios asinados durante este exercicio e unha intervención nun muro da rúa da Divina Pastora.

Os Premios Santiago Deporte incorporan novas categorías nesta edición, chegando ata as 12: deportista feminina categoría base, deportista masculino categoría base, deportista feminina, deportista masculino, entidade deportiva máis destacada, adestrador/a máis destacado/a, árbitro/a xuíz/a máis destacado/a, patrocinio deportivo, actividade ou acción social, deporte adaptado, entidade educativa e honorífico á traxectoria deportiva. As propostas poderán presentarse dende o día seguinte da publicación das bases ata as 14:00 horas do 30 de decembro de 2019.

Seguindo cos deportes, deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a asociación deportiva Hermes para o desenvolvemento do IX Campus Vero Boquete, que se celebrará os días 26, 27 e 28 de decembro. A achega municipal é de 8.500 euros.

Xustificación de convenios e subvencións
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a xustificación dos convenios subscritos neste exercicio 2019 con: Correlingua (2.500 €), Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais (3.500 €), Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia – Acadar (3.000 €), Fundación Andrea de Apoio aos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais (3.000 €), Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela (6.736,55 €), Asociación de Loita contra Enfermidades do Ril da Coruña – Alcer (4.000 €), Asociación Itínera (4.852,33 €), Fundación USC Deportiva (9.000 €), Federación Galega de Atletismo (10.500 €), Federación Española de Loitas Olímpicas e D.A (10.500 €), Fundación Down Compostela (10.000 €), Plataforma polo Emprego do Foro de Inmigración (12.000 €), Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela – Programa Vagalume (29.993,20 €), Universidade de Santiago – Oficina de Igualdade de Xénero (11.000 €), Confederación Galega de Persoas con Discapacidade – Cogami (15.000 €) e Cámara de Comercio de Santiago (30.000 €).

Tamén se deu o visto bo ás xustificacións das 38 subvencións concedidas a outras tantas asociacións veciñais sen ánimo de lucro, por un importe total de 86.280,01 euros.

Intervención na rúa da Divina Pastora
A proposta do concelleiro delegado de Obras, deuse o visto bo ás actuacións de urxencia realizadas no muro e no noiro da rúa da Divina Pastora, polo perigo de desprendemento e de risco para a seguridade viaria. A intervención consistiu na retirada do muro de cachotería e das rochas fragmentadas; na eliminación do peche, postes e malla con posibilidade de caída á vía pública e na corta e retirada de troncos cortados anteriormente e situados no noiro. O custo dos traballos foi de 3.133,90 euros.

Documentos relacionados



Compartir: