IGUALDADE E MEDIO RURAL

O Centro Cívico de Busto acolle este venres o segundo Encontro de Mulleres do Rural

27/03/2019 O vindeiro venres 29 de marzo terá lugar no Centro Cívico de Busto o II Encontro de Mulleres do Rural, enmarcado dentro das accións que organiza o Concello polo 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

Ao Encontro, que terá lugar a partir das 17:30 horas, asistirán mulleres de varias parroquias de Compostela que asistiron aos obradoiros de empoderamento impulsados no rural. Neste acto proxectarase a peza audiovisual "As que fomos", gravada nas sesións do programa, e inaugurarase unha exposición de fotografía a través da cal visibilizamos as vidas e logros das mulleres.

Estas accións enmárcanse baixo a denominación "As que fomos", e pretenden ser lugares de encontro para as mulleres nas parroquias, espazos para reflexionar sobre o seu papel na sociedade, as súas achegas, os seus logros, a xestión dos seus tempos, a súa saúde, e sobre as influencias dos roles e estereotipos de xénero nas súas vidas.

Na primeira quenda dos obradoiros participaron 63 mulleres das parroquias de Verdía, Nemenzo, Marantes, Figueiras, A Gracia e Bando. A pasada semana, as sesións do programa comezaron a desenvolverse nas parroquias da Pereqrina, A Rocha, Marrozos, Fecha, Cesar e San Xulián.

Historia dos obradoiros
A loita por un rural en igualdade comezou en 2016 co impulso do programa Vida Propia, desenvolvido nos meses de marzo e abril nas parroquias de Enfesta, Villestro e Bornais. Este primeiro achegamento contou coa participación de 49 mulleres. No 2018 impulsáronse os Obradoiros de Empoderamento no Rural, que se desenvolveron durante os meses de marzo, abril e maio nas parroquias de Busto, Lavacolla, Laraño, Aríns e Santa Cristina de Fecha. En total, participaron 58 mulleres cunha idade media de 66 anos, aínda que houbo asistentes dende os 21 ata os 88 anos.

Como broche final a estes obradoiros celebrouse, no mes de xuño, o primeiro encontro das mulleres do rural, celebrado en Laraño e coa participación de 70 persoas.

Andainas polas parroquias
Durante os meses de abril e maio poñeranse en marcha varias andainas polas parroquias co obxectivo de seguir construíndo redes de apoio entre as mulleres, promover hábitos de vida saudable e fomentar o coñecemento da contorna.

Encontro con Brigitte Vasallo
Seguindo coas actividades deste mes no mardo do Día Internacional das Mulleres, este venres 29, ás 19:30 horas, na igrexa da Universidade, haberá un encontro con Brigitte Vasallo, escritora, formadora, activista LGTB e feminista. Estará acompañada por Mercedes Peón. Para asistir é preciso reservar praza a través do correo territoriodasmulleres@gmail.com.

Compartir: