DEPORTE

O Estadio Verónica Boquete acolle tres partidos clasificatorios para a Eurocopa Sub-19 feminina

27/03/2019 O Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro converterase nun dos epicentros do fútbol europeo durante os días 3, 6 e 9 abril coa celebración de tres partidos clasificatorios para a Eurocopa Sub-19, que terá lugar en Escocia durante o verán. Os detalles explicáronos esta mañá a concelleira de Deporte, Noa Morales; o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e o director deportivo da Federación, Manuel Fernández.

Estes partidos corresponden á segunda fase de clasificación ou ronda elite, fase que consta de sete grupos e onde cada gañador, xunto ao mellor segundo, avanzará á ronda final. En cada un dos grupos hai un equipo anfitrión que acolle todos os partidos clasificatorios. No caso do Grupo 4, ao que pertence a Selección Española Sub-19 feminina, o país anfitrión é España, de tal xeito que o Estadio Verónica Boquete e o Municipal de A Lomba (Vilagarcía de Arousa) serán as sedes desta fase. España parte como favorita tras gañar o Europeo do 2018 contra Alemaña en Suíza.

Noa Morales lembrou que "o fútbol feminino é cada vez máis seguido, grazas a loita e o esforzo das xogadoras", por iso animou "a toda a sociedade a que continúe apoiando este deporte, que ten que seguir avanzando para a súa completa profesionalización e dignificación nas categorías absolutas". Nesa liña, a edila agradeceu a implicación da Federación Galega de Fútbol, "non só en eventos coma este, senón, por exemplo, impulsando a Copa feminina do Sar tras 50 anos sendo só masculina".

O presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, puxo o foco na importancia de "celebrar estes encontros no estadio Verónica Boquete, o único desta categoría que ten nome de muller", e reafirmou o "compromiso da Federación en seguir apostando polo fútbol feminino, como fixemos co impulso da Liga Promesas ou o apoio económico con outras administracións".

Horarios
Manuel Fernández explicou a dinámica dos encontros, que "se celebrarán nun formato liguiña de todos contra todos, e que servirá de clasificatorio para o Campionato Europeo". Os partidos que acollerá o Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro son o España-Serbia, o mércores 3 de abril ás 18:30 horas; o España-Hungría, o sábado 6 ás 18:30 horas; e o Irlanda-España, o martes 9 de abril ás 18:30 horas. O director deportivo da Federación puxo o foco precisamente no partido do martes 9 de abril, "no que España se enfrontará a Irlanda, unha das seleccións con máis nivel do campionato".

Tal e como indicou Noa Morales, "estamos a falar de partidos de primeiro nivel con xogadoras que foron campioas de Europa o ano pasado e que colocan o fútbol feminino español no top mundial". As entradas son de balde e poden conseguirse en eventos@futgal.es.

Compartir: