IGUALDADE

Aurélie Salvaire e outras tres mulleres achegaron a súa experiencia en "Mulleres mudando a balanza"

07/03/2019 O Auditorio Abanca acolleu o encontro con empresarias, emprendedoras e profesionais galegas "Mulleres mudando a balanza", organizado pola Concellaría de Igualdade, dentro do programa de actividades con motivo do Día Internacional das Mulleres. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, abriu o evento.

Este encontro tiña como obxectivo visibilizar e poñer o foco en mulleres emprendedoras que se fixeron un oco en mundos masculinizados, de aí que participaran a chef con Estrela Michelín Lucía Freitas, a deseñadora de moda Elena Ferro e a enxeñeira e doutora en informática Luz Castro. Tamén participou Aurélie Salvaire, experta en diversidade e xénero e directora do Observatorio de Análise de Xénero Shiftbalance de Barcelona, dende o que pretende amosar datos concretos e obxectivos, facendo un inciso na importancia da formación de directivos empresariais para conseguir un maior equilibrio de xénero. O proxecto quere analizar o impacto de mil millóns de mulleres nos negocios e a aceleración que iso supón para o crecemento económico.

Os obxectivos específicos da xornada pasaban por intercambiar ideas, coñecemento e experiencias no referente á situación da muller na empresa, favorecer unha participación equilibrada de mulleres e homes na toma de decisións do de ámbito empresarial e económico, facilitar o desenvolvemento dunha carreira profesional de éxito, así como o acceso aos postos de alta responsabilidade e sensibilizar a participantes e empresas sobre a igualdade de xénero en xeral e o necesario equilibrio de xénero na toma de decisións. Esta xornada enmarcábase no plan Talentia 2019-2021.

Direccións relacionadas



Compartir: