DEPORTE

Chega a sexta edición do Torneo Viravolta Jael coa participación de máis de 500 ximnastas de 30 clubs

06/03/2019 A concelleira de Deporte, Noa Morales, deu conta hoxe dos detalles da sexta edición do torneo de ximnasia rítmica Viravolta Jael, que se celebra este sábado 9 de marzo no Multiúsos Fontes de Sar. Na rolda estivo a presidenta do club Viravolta, Wendy Rey; a adestradora do club Marta Comendador, e o patrocinador do evento, Chema Fernández, de Jael Xoiería.

O Multiúsos de Sar recibirá a visita de máis de 500 ximnastas de 30 clubs distintos, incluíndo 20 deportistas internacionais. Celebrarase en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas, incluíndo "a principal novidade deste ano, que é a celebración dunha gala coas ximnastas de elite máis destacadas", apuntou Noa Morales. Será a partir das 18:30 horas e será conducida pola presentadora Iolanda Vázquez e pola ximnasta olímpica Carolina Rodríguez, que volverá ademais a amadriñar o torneo.

A entrada, que ten un custo de 5 euros (menores de 7 anos con entrada gratis), será destinada de forma íntegra a Fundación Andrea, de apoio a nenos e nenas con enfermidades crónicas e terminais. Cómpre sinalar ademais que este será "o primeiro evento en Galicia en organizar unha gala de ximnasia rítmica que contará coa participación de ximnastas da selección", segundo indicou a concelleira de Deporte. Ademais asistirán as adestradoras dos Centros de Alto Rendemento de Ximnasia, Anna Baranova, Sara Bayón, Blanca López e Ruth Fernández.

Horarios
A competición comezará ás 9:00 e rematará ás 17:30 horas, cando está prevista a entrega de premios. Participarán ximnastas dos niveis escolar, promoción, base e absoluto, nas categorías sénior, cadete, infantil, alevín, benxamín e prebenxamín. Poderanse ver exercicios de corda, pelota, aro, mazas, cinta e mans libres, tanto en exercicios individuais como de conxunto.

A gala, que comezará ás 18:30 h, contará coa participación de ximnastas como Sara Llana, Paula Serrano, Miriam Guerra, Carla Vilasánchez, Sol Martínez Fainberg, Noa Ros, Alba Bautista, María Año, Natalia García, Polina Berezina, Lucía González e Claudia Jáimez. Tamén ofrecerá unha exhibición o conxunto español, adestrado por Anna Baranova e Sara Bayon e composto por Alba Polo, Clara Esquerdo, Ana Gayán, Sara Salarrullana e Victoria Cuadrillero.

Participará igualmente a adestradora do Club Mabel, Blanca López; as ximnastas da selección española do CAR de Valencia e do de León; a adestradora do Club Ritmo, Ruth Fernández, e a secretaria técnica da Real Federación Española de Ximnasia, Isabel Pagán.

Direccións relacionadas



Compartir: