DEPORTE

Santa Isabel acolle o Campionato de España Sénior de Loitas Olímpicas

01/03/2019 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá os detalles do Campionato de España Sénior de Loitas Olímpicas, que acolle o noso municipio os días 1 e 2 de marzo en Santa Isabel. Na rolda de prensa tamén participaron o presidente da Federación Española de Loitas Olímpicas, Francisco Javier Iglesias, e o director técnico da Federación Galega, Pablo Pintos.

Este ano celébranse en Compostela a 48ª edición do Campionato de Loita Libre Olímpica, o 80º Campionato de Loita Grecorromana e o 22º Campionato de Loita Libre Feminina. Santiago non era sede deste evento dente o ano 2007.

A competición desenvolverase no polideportivo de Santa Isabel sobre catro tapices oficiais de loitas olímpicas de 12 x 12 metros. A xornada de mañá estará reservada para os primeiros cruces e eliminatorias, e a xornada de tarde será exclusivamente de loita polas medallas da categoría absoluta.

A Selección Galega de Loitas Olímpicas, pola súa historia e tradición, aspira a estar no podio nas tres competicións que se van celebrar, sendo a nosa unha referencia a nivel de Estado neste deporte. Ademais da Selección Galega, estarán presentes tamén o resto de comunidades autónomas.

Preto de 350 deportistas
Deste xeito daranse cita na nosa cidade preto de 350 deportistas seleccionados/as polas súas comunidades, mais árbitros, staff, técnicos, delegados e membros da Federación Galega de Loita. Os/as deportistas que logren ser campións ou campioas de España terán a oportunidade de participar nos campionatos de Europa sénior, no mes de abril en Bucarest (Rumanía).

Galicia acode a esta competición con 33 deportistas inscritos/as, 4 seleccionadores, 2 delegados e 5 árbitros, sendo a comunidade con máis representación.

Noa Morales quixo agradecer a "escolla de Santiago para a celebración desta competición, que se suma a outros grandes eventos que tivemos a ocasión de acoller nos últimos meses e que amosan que a nosa cidade está preparada para acoller eventos de primeiro nivel. En particular, referiuse a concelleira a "competicións como o Mundial de Xadrez sub-8, sub-10 e sub-12, a Supercopa de España de Baloncesto ou o Campionato de España de Seleccións Autonómicas femininas sub-15 e sub-17".

A edila quixo agradecer ademais "o esforzo do Club de Loita Stellae, referencia na cidade, e que colabora de xeito activo nesta competición, da man do seu adestrador Nicolás Castro Seoane", e lembrou que "esta non é a primeira vez que teremos a oportunidade de gozar deste deporte, xa que o pasado mes de xaneiro Compostela foi sede do Campionato Galego de Loitas Olímpicas, no que participaron 138 deportistas de 14 equipos procedentes das catro provincias galegas".

Os técnicos galegos encargados de dirixir as diferentes seleccións Galegas son Alexandre Kachelaev, Rubén Méndez Lois, Marcos Miragaya e Eladio Bello Columna.

As finais en xornada de tarde (a partir das 18:30 horas) serán retransmitidas en directo a través da plataforma www.laligasports.es grazas as novas tecnoloxías e á utilización do streaming.

Direccións relacionadas



Compartir: