FACENDA

O Concello aproba varios modificativos de crédito por importe de preto de tres millóns de euros

19/02/2019 O Concello de Santiago vén de aprobar, vía decreto da Concellaría de Facenda, varios modificativos de crédito do orzamento prorrogado que permitirán acometer investimentos importantes para o conxunto do municipio. Destes modificativos deron conta esta mañá o concelleiro de Facenda accidental, Xan Duro, e o concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Reequilibrio Territorial, Rafael Peña.

Xan Duro explicou que "os modificativos de crédito son procesos administrativos complexos que supoñen realizar varios expedientes e que incrementan o traballo do persoal" e engadiu que "se poden aprobar vía decreto da Concellaría de Facenda, como estes que hoxe presentamos, ou vía Pleno, como é o caso dos que levaremos este xoves para o pagamento de sentenzas e da ORA e o guindastre".

As actuacións contempladas son a reforma do parque da Constitución, Batalla de Clavijo e anexas (contemplada na EDUSI), renovación de zonas verdes nos CEIPs, as obras de reforma e mantemento dos centros escolares, a ampliación e mellora da plataforma de rodadura do vial de acceso a Lamascal e as actuacións do POS 2018. Dentro destas inclúese o acondicionamento da contorna do Centro Cívico da Gracia, mellorando a accesibilidade e a área de xogos e circuítos biosaudables; a construción da cuberta da pista polideportiva de Verdía; a mellora de equipamentos deportivos e sociais na parroquia de Figueiras e o edificio multiúsos na Lavacolla. Para isto habilitáronse 2.398.807 euros que se financiarán con cargo a remanentes de 2018.

Tamén se aprobou habilitar crédito para facer fronte ao comprometido no 2019 para a mellora da accesibilidade da rúa Triacastela, así como para realizar obras para a construción dun parte infantil en Lavacolla. Para tal fin aprobáronse 300.739,93 € para a primeira actuación e 67.811,33 € para a segunda, que serán sufragados mediante a venda da participación municipal do 19,88% da parcela R-7 do Polígono 2 do SUP-2 de Cornes.

Rafael Peña explicou que "no caso do parque infantil da Lavacolla buscouse crédito para facer fronte a unha obra xa adxudicada á empresa Zona de Obra O Rosal por un importe de preto de 59.000 euros", actuación aprobada no marco dos Orzamentos Participativos de 2018 cuxo obxecto era "Parques biosaudables e/ou infantís para a zona rural".

Compartir: