MEDIO AMBIENTE E OBRAS

O Concello renova o colector de Salgueiriños de Abaixo, tras rematar a reparación dos puntos negros de asolagamento

18/02/2019 Este luns comezan as obras de substitución do colector de fibrocemento en Salgueiriños de Abaixo, unha rúa na que se viñan producindo reiteradas roturas nas tubaxes. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, deu conta do inicio dos traballos nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo edil de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña. Os dous concelleiros fixeron tamén balance das actuacións executadas nos puntos negros de asolagamentos.

Xan Duro explicou que o colector de fibrocemento de Salgueiriños de Abaixo viña dando moitos problemas, tanto pola súa antigüidade como porque non ten capacidade para xestionar todo o caudal procedente das Cancelas. Para solucionalos, optouse pola substitución completa das tubaxes da rúa. A actuación obrigará a suprimir unha liña de aparcamento na rúa polo prazo de 15 días.

Obras nos puntos negros de asolagamentos
Na rolda de prensa, Xan Duro e Rafael Peña tamén deron conta do remate das obras nos puntos negros con risco de asolagamento. A actuación máis complexa foi a executada na rúa de Frei Rosendo Salvado, que obrigou a manter cortada a circulación durante un mes. O proxecto supuxo a reconfiguración do encontro dos colectores da rede de saneamento de augas fecais existente nun pozo de rexistro, que foi substituído por un novo arquetón que mellora a circulación dos caudais existentes. Tamén se substituíron as tapas dos pozos de rexistro e das reixas dos sumidoiros por outras de maior capacidade, instaláronse novos sumidoiros de captación superficial e lateral e un novo sumidoiro lonxitudinal ao longo da rúa e na intersección coa rúa de Ramón Cabanillas.

Outro dos puntos nos que se actuou nas últimas semanas foi a rúa de Entrerríos, onde tamén se repetían os asolagamentos en episodios de fortes chuvias. Neste caso substituíronse as tapas dos pozos de rexistro por outras de maior capacidade de absorción e implantouse un novo sumidoiro lonxitudinal no límite da calzada coa banda de aparcamento existente.

Na confluencia da calzada de Santo Antonio coa calzada de San Pedro renovouse un tramo da rede de saneamento de fecais por outro de maior capacidade hidráulica, que evite a entrada en carga e o desbordamento da rede. Tamén se remodelou o entronque do colector de San Pedro. Mentres, na rúa de Santa Clara implantouse un novo sumidoiro lonxitudinal no límite da calzada coa beirarrúa para eliminar a acumulación das escorrentías superficiais. Ademais, instalouse un colector aliviadoiro na confluencia do colector da rúa dos Basquiños con Santa Clara, para derivar parte do caudal circulante cara o colector da rúa do Espírito Santo.

O Polígono do Tambre é outra das zonas da cidade que sufriron importantes balsas de auga nas xornadas de tormentas. Para evitalas, actuouse na vía Edison e nas proximidades coa intersección coa vía Diesel. Alí implantáronse novos sumidoiros de captación superficial e lateral no bordo da beirarrúa dotados de deflectores que impidan a súa obstrución pola acumulación de residuos de embalaxes, frecuentes na zona.

Por último, leváronse a cabo actuacións menores na rúa de Blanco Amor, onde se canalizou a rede de sumidoiros que entraban na rede privada a través do interior do soto dun edificio residencial para entroncar de novo na rede pública; na costa de Santa Isabel, onde se renovou o depósito existente para evitar a entrada de auga nalgunhas vivendas; e no Camiño dos Vilares.

O investimento total nestas actuacións achegouse a 85.000 euros. O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial mostrouse moi satisfeito co resultado destas actuacións, posto que "xa choveu e os traballos demostraron bos resultados durante eses días".

Web das obras
Os concelleiros Xan Duro e Rafael Peña aproveitaron a rolda de prensa para lembrar que o Concello ten habilitada unha páxina web do programa Compostela afaise a ti, na que se pode facer o seguimento das obras iniciadas, executadas o proxectadas polo Goberno local.

O portal, pmom.santiagodecompostela.gal, inclúe información xeolocalizada sobre reparación de viarios, reurbanización de rúas, actuacións de melloras de accesibilidade ou instalación de novos parques infantís.

Direccións relacionadas



Compartir: