EDUCACIÓN E POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello súmase á campaña "Tan diferentes como iguais", que impulsa Down Galicia

15/02/2019 Os concelleiros de Educación e Políticas Sociais, Manuel Dios e Concha Fernández, reuníronse hoxe coa vicepresidenta e a coordinadora da área de Inclusión Educativa de Down Galicia, Rebeca Munín e Cristina Rey, para abordar a campaña "Tan diferentes como iguais", que a entidade quere impulsar ao abeiro do día 21 de marzo.

Trátase dunha campaña de sensibilización polo Día Mundial da Síndrome de Down que quere poñer en valor o concepto da diferenza e dar visibilidade á idea de que ningunha persoa é igual a outra e que, precisamente, esa diferenza é a que nos enriquece como sociedade. O Concello sumarase á campaña cunha nota de prensa na web municipal, que virá cun enlace ao vídeo conmemorativo que a Federación Down Galicia ten previsto lanzar, así como coa celebración dun Pleno infantil.

Tamén se colaborará colocando diversos carteis e co envío de cartas aos centros educativos para que poidan traballar arredor desta temática, difundindo tamén un protocolo de atención educativa co alumnado con síndrome de Down. Está previsto que os centros cívicos acollan diversas actividades de visibilización e conmemoración do día.

Compartir: