CONSORCIO

A soprano Berna Perles cantará esta semana coa Real Filharmonía algunhas das arias máis fermosas de Mozart e Beethoven

28/01/2019 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro será o mércores 30 no Auditorio de Ferrol, ás 20:30 horas, en colaboración coa Sociedade Filharmónica Ferrolá. E o xoves 30, a orquestra tocará na súa sede, o Auditorio de Galicia, tamén ás 20:30 horas, no marco da súa tempada de abono. A batuta de ambos os concertos levaraa o mestre venezolano Manuel Hernández-Silva, director musical e artístico da Orquestra Filarmónica de Málaga e da Orquesta Sinfónica de Navarra.

O programa destes concertos, titulado "Alto Drama", comezará coa obertura de A frauta máxica, de Mozart (1756-1791), a última ópera escenificada en vida do compositor, apenas dous meses antes da súa morte. É considerada unha das creacións máis enigmáticas e fascinantes do repertorio operístico.

A continuación, o público poderá gozar coa aria Misera, dove son (Mísera de min, onde estou!), de Mozart, inspirada nos versos do drama Ezio de Metastasio. Será interpretada pola soprano malagueña Berna Perles. Formada en Roma e Viena, recibiu clases maxistrais de ilustres profesores, entre eles Teresa Berganza e Monserrat Caballé. Foi premiada en numerosos concursos de canto nacionais e internacionais. En 2016 recibe o recoñecemento ao "Mellor Labor Musical do Ano" na súa cidade natal. A súa traxectoria profesional levouna a actuar, tanto en producións de ópera e zarzuela como en recitais líricos, en teatros e salas de toda Europa.

O programa inclúe a obertura de As criaturas de Prometeo de Beethoven (1770-1827). E do mesmo compositor soará a aria Ah, pérfido, na voz de Berna Perles, unha peza que require un elevado virtuosismo vocal debido á súa gran dificultade técnica. Esta aria aborda o desexo de vinganza dunha muller traizoada polo seu amante.

O optimismo da Sinfonía nº 3 de Schumann pechará os concertos
Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 3 de Robert Schumann (1810-1856), considerado un dos máis grandes e representativos autores do Romanticismo musical. Esta sinfonía, a última do compositor, é coñecida como "Renana", pois nela plasma imaxes e cores a través da referencia a melodías populares e valses orixinarios da rexión situada nos límites do río Rin, na fronteira alemá. Evócase o fluír do Rin, a serenidade da vida no medio da natureza, unha solemne cerimonia na catedral de Colonia, finalizando cunha celebración triunfal.

Charla previa co director Manuel Hernández-Silva
Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Manuel Hernández-Silva. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Manuel Hernández-Silva graduouse no Conservatorio Superior de Viena con matrícula de honra. No ano da súa diplomatura gañou o concurso de dirección Forum Jünger Künstler, convocado pola Orquestra de Cámara de Viena. É un invitado habitual de orquestras españolas e de formacións de toda Europa, América e Asia. Foi director titular da Orquesta de Córdoba e principal director convidado da Orquesta Simón Bolívar de Caracas -coa que traballou intensamente durante máis de cinco anos-, ademais de director musical da Orquesta Joven de Andalucía.

Compartir: