ALCALDÍA E EMPREGO

Presentado o Plan Estratéxico Talentia 2019-2021, que sitúa "o emprego e o talento no corazón da axenda política"

28/01/2019 O Hostal dos Reis Católicos acolleu esta mañá a presentación do Plan Estratéxico Talentia 2019-2021, que busca dinamizar o emprego partindo do talento, non só en Compostela senón na súa contorna. O acto estivo presidido polo alcalde, Martiño Noriega, e nel participaron a concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois; o responsable do Comité Executivo de Finsa, Fernando Segade, e o responsable de Innovación de Televés, José Manuel Álvarez. Ademais, asistiron preto de 90 persoas de empresas de Santiago.

Talentia 2019-2021 desenvolverase en tres etapas: a primeira fase, con Talentia como referencia en Galicia no eido da xestión e o desenvolvemento do talento; a segunda, xa no 2020 co obxectivo de expandirse a un eido máis estatal ao contar coa solidez suficiente tras dúas edicións e, finalmente, unha terceira na que porá o foco en que este evento traspase fronteiras e se xere impacto económico en Compostela, coincidindo co Ano Santo 2021.

Na súa intervención, o alcalde lembrou que o Concello de Santiago investiu, no eido do emprego, "seis millóns e medio de euros obtidos en diversas convocatorias europeas, estatais e galegas, coa finalidade de mellorar e ampliar as políticas activas de emprego na cidade e dar un paso un paso adiante apostando pola atracción do talento e facer da capital do país un referente de políticas para o conxunto do territorio galego. Neste contexto, engadiu, "foi esencial contar co compromiso e impulso dos axentes estratéxicos da cidade que dende 2015 están adheridos ao Pacto polo Emprego".

Martiño Noriega tamén apostou por colocar "o emprego e o talento no corazón da axenda política de Compostela". Ademais, destacou a importancia de establecer "un acordo político de cidade sobre a estratexia de emprego e captación de talento, coa participación e complicidade de todos os axentes económicos. A incorporación da perspectiva de xénero e o principio de igualdade de oportunidades, engadiu, "son fundamentais para corrixir a fenda de xénero salarial e laboral".

Outro dos eixos sobre os que pivotou a intervención do alcalde foi a estratexia empresarial. Compostela "é unha capital cun tecido industrial cun gran potencial de crecemento e precisamente dende a Mesa pola reindustralización , impulsada pola Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, o Concello leva acompañando as estratexias e iniciativas que se van consensuando para especializar e fortalecer a nosa economía, apostando polo sector da biotecnoloxía e a madeira. "O reto -engadiu Martiño Noriega- é pasar do 5,85% do PIB na industria a conseguir ese obxectivo do 9% que nos marcamos para 2020. Santiago goza dunha situación xeográfica privilexiada, dun sector cultural e patrimonial sólido e dinámico e dun turismo crecente que sen dúbida debe ser estratéxico e sustentable".

Talentia
O Plan parte de Talentia 2018, foro celebrado o pasado 13 e 14 de novembro no Palacio de Congresos e que se converteu nun dos maiores encontros do talento e do emprego, reunindo máis de 3.500 persoas nas dúas xornadas. Talentia 2018 naceu pola necesidade de conectar empresas e demandantes de emprego, de contribuír ao desenvolvemento das competencias para a empregabilidade e para dar a coñecer as iniciativas públicas e privadas implicadas no fomento, xestión e retorno do talento.

Tras o éxito deste primeiro Foro e da presentación do Plan Estratéxico 2019-2021, está previsto que se celebre unha nova edición de Talentia, que terá lugar do 21 ao 23 de outubro. O primeiro día estará enfocado a público experto, organizacións e empresas. E os dous días seguintes o foro estará aberto a aquelas persoas que estean demandando emprego. Poñeranse en marcha unha ampla oferta de actividades dispoñibles para certificar, formar, proxectar e conectar o talento.

Talentia. Talento e emprego nas economías locais
Ao comezo do acto, a concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, presentou o libro Talentia. Talento e emprego nas economías locais, que recolle todas as intervencións e debates de Talentia 2018. A publicación nace coa vontade de servir de instrumento para analizar os desafíos e as oportunidades que nos ofrecen para Compostela o talento e as novas formas de emprego. Tamén inclúe reportaxes, entrevistas e, sobre todo, reflexións sobre o talento das persoas e as necesidades do emprego. Na redacción dos textos quíxose manter a linguaxe directa de cada unha das intervencións, cara a cara, ante o público.

Direccións relacionadas



Compartir: