ESPAZOS CIDADÁNS

Avanzan os traballos de mellora dos Camiños de Santiago impulsados por Xunta e Concello

25/01/2019 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito a Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, asistiu esta mañá a unha xuntanza presidida pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, na que se deu conta do avance dos traballos de mellora e integración paisaxística dos Camiños de Santiago na súa entrada no termo municipal. Na xuntanza estiveron tamén o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez e os voceiros dos grupos municipais.

Neste encontro, a conselleira informou que o proxecto da baixada do Monte do Gozo ata a AP-9 está xa aprobado e están definidas as melloras deste tramo. A intervención iniciarase coa mellora do Camiño Francés na zona da capela de San Marcos, onde se acondicionará a parcela fronte á capela, creando un espazo no que os peóns terán prioridade de paso, e unha pequena praza.

Jorge Duarte sinalou que "estes traballos avanzan a bo ritmo e son un exemplo de colaboración institucional". O edil lembrou que o Concello de Santiago "ten asumido as expropiacións e a reposición dos servizos afectados e está actuando na Vía da Prata, cun investimento próximo aos 4 millóns de euros". Entre elas atópase a rexeneración do viario entre Ponte Marzán e Cruceiro de Sar, cun investimento de 600.000 euros, e a reurbanización de Castrón Douro, á que na primeira fase se destinará 1,5 millóns de euros.

Outros Camiños
O Protocolo de Colaboración para a Mellora e Integración Paisaxística das Entradas dos Camiños de Santiago tamén contempla actuacións no Camiño Portugués, ao seu paso por Conxo, e no Camiño Francés, dende o Monte do Gozo ata Concheiros. Nos dous casos estase a traballar nos proxectos, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda manifestou o seu compromiso de que ese traballo estea rematado en torno ao verán. En total, serán sete proxectos construtivos aos que se destinará unha cifra global de máis de cinco millóns de euros.

O obxectivo destas actuacións é preparar a cidade de cara ao Xacobeo do 2021.

Compartir: