PLENO

Aprobados definitivamente tres estudos de detalle na ARI de Vite

20/12/2018 O Pleno da Corporación aprobou hoxe, de forma definitiva, os estudos de detalle de tres dos ámbitos incluídos na Área de Rehabilitación Integral de Vite, o paso previo necesario para poder instalar ascensores nos edificios e acceder ás axudas de rehabilitación do Ministerio de Vivenda.

Os estudos de detalle aprobados hoxe de forma definitiva aféctanlle aos ámbitos 2 da ARI de Vite, que inclúe a avenida de Castelao e a rúa de Alexandre Bóveda; o ámbito 4, que incorpora as avenidas de García Lorca e Castelao e a rúa de Celso Emilio Ferreiro; e o ámbito 5, que lle afecta ás rúas de Blanco Amor de Otero Pedraio. En total, os estudos de detalle inclúen 64 bloques de vivendas. A súa aprobación foi posible grazas aos votos a favor de Compostela Aberta e do PSOE, e a abstención de BNG e PP.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que "a aprobación dos estudos de detalle é imprescindible para atender ao obxectivo de paliar os problemas de accesibilidade no barrio de Vite e á demanda histórica da veciñanza de instalar ascensores nos edificios". Jorge Duarte lembrou tamén que "este documento é preciso para que as comunidades poidan acceder ás axudas de rehabilitación impulsadas polo Ministerio de Vivenda, que pasaron de máis de mil millóns de euros para todo o Estado en 2011 a menos de 400 millóns en 2015 e que, polo tanto, son insuficientes para atender a demanda existente.

O edil tamén mostrou o seu desexo de que nos plenos de xaneiro ou febreiro poidan recibir luz verde definitiva outros dous estudos de detalle da ARI de Vite e máis o estudo de detalle da ARI de Pontepedriña, "nos que houbo alegacións por parte da veciñanza que se están intentando resolver". Duarte tamén aproveitou o Pleno para adiantar que o Goberno "está no proceso de contratar outros catro estudos de detalle para outros tantos ámbitos que non teñen a declaración de Área de Rehabilitación Integral pero que tamén precisan ascensores: as casas da corredoira da Campsa, o grupo de vivendas de San Ignacio de Loyola, o grupo de vivendas de Ultreia, e o ámbito das rúas de Oviedo e Salamanca.

Declaracións institucionais
No Pleno desta tarde tamén se aprobou unha declaración institucional para a adhesión do Concello de Santiago á Carta de Dereitos de Persoas en Situación de Senfogarismo. Deste xeito, a Corporación comprométese a traballar en colaboración coas entidades e Administracións Públicas coas que sexa necesario para asegurar un número suficiente de solucións habitacionais para as persoas en situación de senfogarismo e, no caso de non acadalo, para garantir o acceso a acomodos de emerxencia.

A declaración institucional aprobada hoxe sinala que "as persoas en situación de senfogarismo teñen o mesmo dereito que calquera outra a usar o espazo público" e a través dela o Concello comprométese a asegurar que "naqueles casos nos que non poida prover servizos de emerxencia axeitados, comprometémonos a prover o acceso a instalacións sanitarias básicas: auga corrente e duchas e aseos de abondo para permitir un nivel de hixiene axeitado para manter a dignidade humana". Por último, o texto recoñece "o dereito á procura de sustento, dentro da legalidade e con prácticas non denigrantes para a condición humana", e nesa liña sinala que "o Concello atenderá con especial interese aquelas necesidades que eviten situacións como as de pedir esmola ou recorrer a alimentos descartados que atentan contra a saúde e dignidade, se ben estas prácticas de supervivencia non deberían ser criminalizadas, prohibidas ou confinadas en áreas específicas"

Ademais, o Pleno aprobou unha declaración institucional con motivo da celebración do 70 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, na que o Concello se compromete a alentar a toda a sociedade a ter presente este documento "probablemente o máis influínte do século XX, sobre todo á mocidade, para que o fagan seu e esixan ás institucións públicas o seu cumprimento".

Outros acordos
Na sesión desta tarde, a Corporación aprobou por unanimidade unha moción do BNG na que reclamaba a ampliación das prazas para persoas con discapacidade nos centros públicos e, en particular, no Centro Galego de Desenvolvemento Integral, CEGADI, "que estaba previsto como un centro de vangarda para o tratamento integral da discapacidade, pero que segue sen cumprir esas funcións máis dunha década despois de ser deseñado". En relación a esta moción, no Pleno interveu María Xunqueira Mouzo, membro da ANPA do Colexio de Educación Especial da Barcia.

Ao comezo do Pleno tamén interveu Gerardo García Freijeiro, en representación do colectivo "PACs en pé de guerra". Foi en relación á moción presentada por Compostela Aberta para mostrar a solidariedade do Concello coas traballadoras e traballadores dos Puntos de Atención Continuada, para instar á Consellería de Sanidade e ao SERGAS a atender as demandas laborais e asistenciais do persoal de Urxencias, e para reclamar á Xunta de Galicia que complete e incorpore nos seus orzamentos de 2019 as partidas necesarias para dotar de recursos humanos e profesionais suficientes dos PAC para a cobertura de vacantes, baixas e ausencias de persoal, para manter unha atención universal de calidade e proximidade que cumpra coas ratios e tempos de atención ás persoas doentes. A moción foi aprobada cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG, e coa abstención do PP.

Compartir: