ALCALDÍA

Os Premios Manuel Beiras recoñecen a Leite Noso, Construcións Alvite González e a Evaristo Rodríguez Carracedo

17/12/2018 As empresas Leite Noso e Construcións Alvite González e o que fora vicepresidente da Cámara de Comercio Evaristo Rodríguez Carracedo recibiron na noite deste luns os Premios Manuel Beiras, na súa XIX edición. Previamente, pola mañá, os nomes das empresas e persoas galardoadas foran anunciadas en rolda de prensa o alcalde, Martiño Noriega, e o vogal da Cámara de Comercio, Xavier Freire.

A empresa Leite Noso recibe o Premio Manuel Beiras na categoría de nova incorporación ao galego. A distinción está relacionada coa marca comercial "Deleite", a primeira etiquetada integramente en galego e que, tal e como salienta o xurado, "coloca o noso idioma na mesa de milleiros de fogares cada día". "Deleite " demostra que o galego "é o vehículo idóneo para presentar o principal produto do noso sector agrogandeiro e para asocialo á riqueza do patrimonio e ao dinamismo da cultura máis actual"

Na categoría de empresas cun uso continuado do galego, o galardón será para Construcións Alvite González, "por apostar por unha comunicación coidada, coherente e respectuosa coa nosa lingua, facéndoa visible nun ámbito de actividade económica onde habitualmente se agocha para os usos formalizados.

Por último, o xurado acordou conceder a distinción especial do Premio Manuel Beiras a Evaristo Rodríguez Carracedo, avogado compostelán que "como vicepresidente da Cámara de Comercio, foi un dos piares sobre os que se crearon estes galardóns e cuxo impulso e apoio foi fundamental para que superasen a maioría de idade". Segundo o xurado, Rodríguez Carracedo "foi a voz da conciencia lingüística que cada ano lembrou a importancia do compromiso empresarial coa lingua e a necesidade de converter en feitos as palabras de apoio".

O xurado dos Premios Manuel Beiras estivo formado polo alcalde, Martiño Noriega; Xavier Freire, en representación da Cámara de Comercio; Beatriz Corral, en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística; Miguel López Crespo, en representación da Unión de Consumidores de Galicia; Belén Regueira no nome do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; María Traveso, no nome da Mesa pola Normalización Lingüística, e os representantes das empresas premiadas na pasada edición dos galardóns.

Distinción de Acisclo Manzano
Os galardoados recibiron unha distinción consistente nunha escultura creada polo artista Acisclo Manzano. Poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste premio como unha garantía máis de que respectan o idioma galego. O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. Recibiu a Medalla de Ouro da cidade pola súa contribución cultural, un exemplo de compromiso colectivo dende o sector socioeconómico.

Direccións relacionadas



Compartir: