ACCIÓN CULTURAL

Fernando Epelde e Rafa Vilar, gañadores da I edición dos Premios SELIC de creación literaria

14/12/2018 Fernando Epelde García e Rafa Vilar son os gañadores dos I Premios SELIC de creación literaria nas categorías de teatro e poesía, polas súas obras Realness e A cidade e a chuvia, respectivamente. Así o acordou o xurado dos galardóns, que decidiu deixar deserto o premio na categoría de narrativa.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, deu conta hoxe do fallo do xurado dos I Premios SELIC, "convocados para incrementar a presenza de Santiago na literatura escrita en galego, posto que un dos requisitos das bases é que as obras presentadas teñan a Compostela como marco de acción ou referencia fundamental". A edila lembrou que os premios teñen unha dotación de 2.000 euros cada un, e as obras serán publicadas na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.

Teatro
Na categoría de textos teatrais, o I Premio SELIC foi para a obra Realness, presentada por Fernando Epelde García baixo o lema "Polari". Do texto, o xurado destacou que "é unha obra que crea unha atmosfera rica, atractiva e suxestiva; e cunha escrita limpa e puída que permite unha lectura áxil que narra o enfrontamento entre a lei e a liberdade". Salienta tamén que o texto "presenta unha frescura e unha actualidade chea de conversas disparatadas e interesantes, con personaxes que se expresan con naturalidade e formula interrogantes sobre a identidade sexual das persoas".

Fernando Epelde García naceu en Ourense en 1980 e, aínda que iniciou a súa formación no ámbito da interpretación e a edición en vídeo, acabou dirixindo a súa carreira tamén cara a escrita. Influenciado por dramaturgos galegos como Carlos Losada e Rubén Ruibal, traballa frecuentemente coa compañía Voadora. Na actualidade, compaxina o seu traballo como dramaturgo co seu proxecto musical Raposo.

Poesía
Na categoría de poesía, o I Premio SELIC foi para a obra A cidade e a chuvia, presentada baixo o lema "Enheduanna" por Rafa Vilar. O xurado destaca do texto que "evoca a alma interior e a identidade de Santiago nun traballo sensitivo, delicado e cheo de matices". A obra "describe a necesidade da chuvia cunha elegante composición de versos moi medidos, que precisan dunha lectura lenta, e que reflicten á perfección o paso das estacións, a mutabilidade da vida na cidade". Segundo o xurado, Rafa Vilar converte cada poema "nunha declaración de amor a Compostela, cidade soñada, imaxinada, onírica".

Rafa Vilar naceu en Cee en 1968. É licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago, foi voceiro da plataforma Nunca Máis, parte da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e concelleiro en Santiago polo BNG. Ten publicadas numerosas obras, sobre todo desde que en 1992 se fixo co Premio Fermín Bouza Brey pola obra Liques de memoria. Despois dese, chegaron outras moitas distincións, coma o Premio Cómaros Verdes do Concello de Vilagarcía, o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, o Premio de Poesía Cidade de Ourense, o Arume de poesía para nenos/as da Fundación Xosé Neira Vilas ou, máis recentemente, o premio de poesía Victoriano Taibo.

O xurado que seleccionou as obras gañadoras do I Premios SELIC de creación literaria estivo integrado por Paula Carballeira, Antón Lopo, Montse Dopico, Xavier Lama e Lupe Gómez.

Compartir: