XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local pon en marcha un novo proxecto europeo para avaliar a calidade do aire

26/10/2018 A Xunta de Goberno deu conta hoxe da participación de Santiago no proxecto europeo TRAFAIR, que ten como obxectivo desenvolver servizos innovadores e sostibles que combinen datos de calidade do aire, condicións climáticas e fluxos de tráfico.

O proxecto europeo TRAFAIR está financiado polo programa Connecting Europe Facility. A el destinaranse un total de 170.000 euros, dos que 127.000 procederán de fondos FEDER. No marco desta iniciativa, coordinada pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, instalaranse sensores de tráfico de contaminación que servirán para coñecer a circulación e os fluxos de partículas contaminantes no aire que respira a cidadanía. A duración do proxecto é de 24 meses. O proxecto europeo está liderado pola Universidade de Módena e conta cun orzamento global de case 2,2 millóns de euros.

Relacionado coa Concellaría de Medio Ambiente, hoxe tamén se deu conta da concesión dunha subvención de 44.000 euros da Fundación Biodiversidade, que será destinada ao proxecto "Descarboniza! Que non é pouco...".

Centros Cívicos
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe unha proposta da concellería de Centros Cívicos, relativa á designación dunha técnica municipal como directora responsable do contrato do Servizo de Dinamización e Mediación Cultural da rede. Ao tempo, acordouse que dous traballadores dos centros do Castiñeiriño e Conxo sexan persoal de apoio da responsable do contrato.

O alcalde incidiu en que "a situación dos centros cívicos era moi complexa, porque viñamos dun contrato anterior continuamente reparado, e con oito sentenzas por cesión ilegal de traballadores moi custosas para o Concello". Tamén recoñeceu "as distorsións no inicio da nova contrata, que fixeron que Alcaldía asumira un rol activo na resolución dos problemas". Nesa liña, Martiño Noriega lembrou que tivo contactos con todas as partes implicadas: a veciñanza, o persoal dos centros, a empresa Ferrovial, o persoal subrogado pola empresa, e deses encontros acordouse "reclamar a Ferrovial que mantivera a estabilidade no persoal e na programación, a petición á empresa para que sentara a negociar un novo convenio cos traballadores, e agora acordamos mudar a xestión do contrato pola parte municipal cunha estrutura cooperativa que cremos que axudará a normalizar definitivamente a situación na rede".

Renovación do alumeado público
A proposta da Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, hoxe tamén se acordou autorizar diversas actuacións de mellora do alumeado público, por un importe total de 60.000 euros. Desa cifra, algo máis de 17.000 euros serán para actuacións na Urbanización de Brandía, e 12.500 para melloras no Paseo Central da Alameda. Tamén se farán reformas no parque de San Xoán, a urbanización de Salgueiriños, o acceso á igrexa de Lavacolla, e a urbanización de Laraño.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: