PLENO

Aprobado o cambio de uso da parcela das vivendas de San Ignacio de Loyola

20/09/2018 O Pleno da Corporación aprobou hoxe, por unanimidade, a modificación puntual do PXOM no ámbito do grupo de vivendas de San Ignacio de Loyola. O acordo responde a unha petición da veciñanza, que se atopaba con dificultades para realizar melloras nas súas casas ao estaren situadas nunha reserva de equipamento universitario.

Coa aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM, a parcela na que están construídas as vivendas de San Ignacio de Loyola deixa de formar parte dunha reserva de equipamento universitario, e de estar afectada polo Plan Especial do Campus Universitario. O cambio foi posible despois de que a Universidade de Santiago mudara a súa previsión de localización para a nova Facultade de Medicina.

Aínda en materia urbanística, o Pleno aprobou de forma definitiva outra modificación do PXOM, desta vez en relación ás aliñacións dos terreos que dan fronte á N-525, no tramo da Susana, en Marrozos. Trátase de incorporar os límites fixados pola Demarcación de Estradas do Estado.

Globo das piscinas de Sar
A Corporación aprobou tamén por unanimidade unha moción do BNG para instar de urxencia ao Consorcio de Santiago a que substitúa o globo presostático que cobre as piscinas de Sar, e que se atopa nun estado deficiente. O alcalde, Martiño Noriega, aproveitou a súa intervención para explicar que se está a traballar nunha solución provisional para garantir a seguridade, e que pasará por "instalar unha nova estrutura de soporte do globo, con ata 60 puntos de anclaxe que garantirán que o globo non caerá no caso de que se produza unha perda de presión".

O alcalde apuntou que a competencia para a substitución do globo presostático non lle corresponde ao Concello, "senón que podería ser atribuída ao Consorcio como titular das instalacións, ou a Xade, como adxudicataria da súa xestión". Martiño Noriega explicou que se produce a dobre circunstancia de que o Consorcio está tramitando o cambio de titularidade en favor do Concello, "con dificultades porque se ten detectado que os terreos nos que se asenta o Multiúsos non foron escriturados na súa totalidade en favor do Concello", e de que Xade "é unha sociedade mixta cunha vida finita, que non podería amortizar agora o gasto do novo globo". Segundo o alcalde, estase a traballar "nunha solución definitiva para o globo presostático, pero mentres non se solventen as cuestións relativas a quen ten a competencia para acometer a actuación, abordaremos unha solución provisional que garanta a seguridade nas piscinas".

Outras mocións
No Pleno de hoxe tamén foi aprobada, por unanimidade, unha moción do BNG na que demandaba a realización dun plan integral para a mellora da seguridade viaria no barrio de Conxo.

Tamén presentada polo BNG, quedou aprobada a moción na que se insta á Xunta de Galicia a axilizar o procedemento de concentración parcelaria de Villestro II-Figueiras, que lle afecta a máis de 1.200 persoas propietarias. Ao respecto, o concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, lembrou que "Figueiras e Villestro están declaradas como zonas de alto risco de incendio, e se nestes lugares os lumes lle afectan a máis hectáreas é precisamente porque a inexistencia de pistas da concentración dificulta a extinción dos incendios". Neste caso, a moción contou cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG, e coa abstención do PP. Con idéntico resultado na votación, hoxe saíu adiante unha moción do PSOE na que se insta a Augas de Galicia a acometer unha actuación integral de limpeza e drenaxe no río Sarela, con especial atención ao seu tramo máis urbano entre Fonte do Ouro e Ponte do Carme.

O Pleno da Corporación aprobou, ademais, a moción do BNG para a sinalización dos lugares do roteiro das Irmandades da Fala, creado pola Agrupación Cultural O Galo, e a presentada polo PP en relación á mellora ambiental e urbanística no contorno do viaduto da avenida Antón Fraguas.

Direccións relacionadas



Compartir: