CONVIVENCIA

A Policía Local detén a unha persoa por un episodio de violencia de xénero e a outras dúas por un furto

13/08/2018 A Policía Local de Santiago practicou esta fin de semana tres detencións: unha por un episodio de violencia de xénero na mañá de onte domingo e outras dúas a raíz dun presunto furto nun establecemento hostaleiro.

Na mañá deste domingo 12 de agosto, a Policía Local recibiu unha chamada telefónica na que unha muller solicitaba a presenza policial na rúa Pastoriza debido ás agresións do seu marido. Trasladados ao lugar, os axentes observan na rúa á muller, vestida con prendas de cama e descalza. Esta indica que fuxira do seu domicilio a raíz dos golpes recibidos do seu marido e das ameazas de morte con un coitelo realizadas polo mesmo.

A denunciante recibe asistencia médica e é trasladada a un centro hospitalario. Traslados os axentes ao domicilio onde ocorreron os feitos, atopan á parella da denunciante, procedendo á súa detención.

Por outra parte, na tarde do sábado 11 de agosto, efectivos da Policía Local procederon á detención na rúa das Hortas de dous individuos, como presuntos responsables dun suposto delito de furto no interior dun establecemento hostaleiro da rúa de Galeras.

Axentes de servizo observaron a un individuo correndo tras outro na rúa das Hortas. O primeiro comunicoulles que perseguía a un individuo que accedera ao local e subtraera da caixa rexistradora uns 800 euros. Intercéptase na rúa das Hortas o individuo, que ofrece resistencia á detención. É identificado polo requirente como autor dos feitos manifestados. Pasados uns instantes, aparece no lugar outro individuo, que se balanza sobre os axentes, forcexeando con eles coa intención de que o detido puidera zafarse dos axentes. Preséntase outro indicativo da Policía Local, que colabora na detención do segundo individuo.

Compartir: