FESTAS

As Xornadas de Folclore do Apóstolo cumpren 50 anos

26/07/2018 O próximo sábado, a praza da Quintana acollerá as Xornadas de Folclore, unha das citas máis tradicionais das festas do Apóstolo. Será unha edición moi especial, porque a mostra cumpre 50 anos. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe as Xornadas, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por representantes das agrupacións Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Ultreia e Colexiata de Sar. Tamén participou Javier Casado en representación do Centro Comercial As Cancelas, patrocinador do evento.

A concelleira de Acción Cultural lembrou que "as Xornadas de Folclore comezaron en 1969, no mesmo escenario da Quintana e no mesmo contexto do Apóstolo, pero cun espírito moi diferente no medio da ditadura franquista". Branca Novoneyra referiuse ao comezo das xornadas "cando aínda se chamaban Danzas de España, e nas que participaban sobre todo agrupacións da Sección Feminina ou da Obra Sindical de Educación y Descanso, con excepcións como Cantigas e Agarimos". A concelleira tamén quixo valorar o traballo que fan as agrupacións tradicionais na conservación da nosa cultura, "traballo que vén de ser recoñecido co acordo do Pleno da Corporación para entregarlle a Medalla de Ouro da Cidade a Cantigas e Agarimos, con mencións especiais para Brincadeira, Colexiata de Sar e Ultreia"

Orgullo de actuar na cidade
Na rolda de prensa participaron Gustavo Couto, de Ultreia; Irma Silva, de Cantigas e Agarimos; José Codesido, de Brincadeira; e Rafa Sexto, da Colexiata de Sar. Todos eles mostraron a súa satisfacción por poderen actuar na praza da Quintana, "diante do público da súa cidade". Segundo explicaron, "esta xornada é sempre agardada con moita expectación polos integrantes das diferentes agrupacións, que dedican o mes de xullo a preparalas de maneira especial".

A actuación das catro agrupacións será o próximo sábado, a partir das 22:00 horas, na praza da Quintana.

Compartir: