PLENO

A Corporación dá o visto bo a dous suplementos de crédito por importe de preto de tres millóns de euros

26/07/2018 O Pleno da Corporación aprobou este xoves, en sesión extraordinaria e urxente, dous suplementos de crédito por importe de 2.102.851 euros e de 893.900 euros, respectivamente. O acordo saíu adiante cos votos favorables de Compostela Aberta e a abstención do resto de grupos.

Tal e como explicou a edila de Facenda, María Rozas, "este expediente recolle dúas cuestións fundamentais como son a amortización anticipada de débeda, que é obrigatoria por lei, e a dotación de crédito para a partida coa que abonamos, durante este 2018, facturas pendentes de pago do exercicio anterior". Así, aprobouse a amortización de 1 millón de euros de débeda, "continuando co saneamento das contas públicas e colocando o nivel de endebedamento bancario en mínimos históricos".

Tamén se aprobou dotar de 1,8 millóns de euros de crédito a bolsa coa que se pagaron facturas do ano 2017. Segundo indicou Rozas, "practicamente todas as facturas pendentes están xa pagadas, agás aquelas resultado de sentenzas que foron chegando durante o ano pasado, que suman 600.000 euros, e unha factura de Acuaes de 400.000 pola ampliación da depuradora da Silvouta". Nesta ocasión trátase dun recálculo do IVE por parte da entidade estatal, repercutindo o tipo xeral do 21% e non o tipo reducido do 10%.

Ambas operacións están financiadas con cargo ao sobrante dos remanentes do ano pasado. María Rozas indicou que "todas as actuacións aprobadas o verán pasado están executadas ou en execución", como as obras de accesibilidade en Santa Isabel, as de reurbanización das Cancelas ou as actuacións en Bispo Diego Peláez.

Compartir: