FESTAS

Mala Rodríguez chega a Santiago días despois de presentar o adianto do seu novo traballo

26/07/2018 Mala Rodríguez, a principal figura feminina do rap estatal, chegará mañá a Santiago para participar nas festas do Apóstolo. Farao poucos días despois da presentación do single "Gitanas", que formará parte do seu novo disco. No seu concerto na praza da Quintana, La Mala contará como teloneiro dun referente do hip hop galego, o compostelán Erin.

Mala Rodríguez vén de presentar novo single cinco anos despois do seu anterior disco, Bruja, co que conseguiu un Grammy Latino ao mellor álbum urbano. Neste tempo, a rapeira tivo destacadas colaboracións con artistas como Juan Magán ou Beatriz Luengo. Do seu novo disco, ten adiantado que terá unha gran compoñente feminista, algo que non é novo porque as letras de La Mala sempre estiveron marcadas pola reivindicación e o compromiso social.

O concerto de La Mala comezará ás 22:00 h pero, antes que ela, ao escenario da praza da Quintana subirá Erin, todo un referente do hip hop galego. Este mozo compostelán, integrante de Comando Katana e Selassie Sound System, leva na música dende 2001 e ten compartido escenario cos artistas máis destacados do xénero. Erin ten tamén novo disco no mercado, Libra.

Voodoo, no Toural
As festas do Apóstolo deixan outra cita musical relevante na axenda de mañá: o concerto de Voodoo na praza do Toural. Será a partir das 23:00 horas.
Voodoo é o dúo formado por Belém Tajes, á voz e ás teclas, e Maritxinha, ao baixo. O ano pasado conseguiron o Premio Martín Códax da Música Galega na categoría soul-funk-blues, e previamente tiñan gañado o premio á mellor canción no Certame Música Xove 2015.

Día de Padrón
Mañá tamén será unha xornada chea de tradicións nas festas do Apóstolo. Así, celebrarase o Día de Padrón en Santiago, no que os dous municipios reforzarán os seus lazos de irmandade. Como é habitual, a Corporación compostelá recibirá a Corporación padronesa ás 13:00 horas na praza do Obradoiro, e despois dunha recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, as bandas de música das dúas vilas interpretarán algunhas pezas.

Tamén mañá, celebrarase o XL Torneo da Chave das Festas do Apóstolo. Ás 19:30 terá lugar o campionato feminino, e ás 20:30 será o masculino. O torneo desenvolverase na Alameda.

Compartir: