FESTAS

O reggae francés de Dub Inc, protagonista dunha nova xornada das festas

24/07/2018 As festas do Apóstolo chegan ao seu ecuador, nunha xornada con dúas citas musicais de relevancia: o concerto dos franceses Dub Inc, na Quintana, e a actuación de Oîma Trío, dentro do ciclo Compostela É! Música, no escenario do Toural.

Dub Inc é unha banda de reggae nacida na localidade francesa de Saint-Étienne en 1997. Combinan unha ampla variedade de estilos, desde o dancehall, dub e ska, ata o hip-hop, con claras influencias da música africana e bereber. Ese eclecticismo mantense tamén no idioma das súas cancións, cantadas nunha mestura de francés, inglés e kabyle. A banda ten encabezado os carteis dos principais festivais europeos de música, e é gañadora de tres Premios do Reggae. Teñen seis discos no mercado e o último deles, So what viu a luz en 2016.

O concerto comezará ás 22:00 horas, tamén con entrada de balde.

Oîma Trio
O outro concerto da xornada nas festas do Apóstolo será o que Oîma Trío vai ofrecer no escenario do Toural, no ciclo Compostela É! Música!. Oîma Trío é o grupo formado por Antía Ameixeiras, ao violín; Martiño Senande, no acordeón diatónico, e Olalla Liñares, no clarinete. Estes tres mozos mostran coa súa música todas as posibilidaes que ofrecen tan só tres instrumentos, con sons tradicionais galegos coo a muiñeira ou o maneo, pero tamén chegados doutros moitos lugares do mundo, como o tango, a rachenitsa, a mazurca ou a chapeloise.

O seu concerto comezará ás 22:00 horas. Media hora despois, comezará tamén a actuación da orquestra Armonía Show na Alameda.

Compartir: