FESTAS

Cora Novoa, Seeking The Velvet, cabeza de cartel do Concerto das Bandas Galegas no Apóstolo

23/07/2018 A praza da Quintana volverase encher de música con orixe galega no Concerto das Bandas Galegas. O espectáculo, unha das citas consolidadas nas festas do Apóstolo, será o próximo xoves, 26 de xullo. Ao escenario da praza da Quintana subirán cinco bandas e artistas de estilos moi diferentes "para mostrar a riqueza e a calidade da nosa produción musical".

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe o Concerto das Bandas Galegas. Foi nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polos representantes dalgunhas das formacións participantes: Pedro Solla, de Atrás Tigre, e Paula Vilas, de Selvática. Tamén interveu Silvia Rodríguez, en representación de Coca Cola Iberian Partners, empresa que patrocina o evento.

Branca Novoneyra lembrou que "o Goberno decidiu instaurar a celebración dun concerto con bandas galegas nas festas do Apóstolo, porque esta é tamén unha maneira de reivindicar a nosa identidade, de poñer en valor a cultura que ten a súa orixe en Galicia, e de mostrar a súa variedade e a súa riqueza". A concelleira mostrouse convencida de que "o espectáculo deste ano vai sorprender, porque contamos con grupos moi eclécticos, con grandes promesas do panorama musical estatal como Marem Ladson, e cunha muller que é xa unha referencia mundial no eido da música electrónica, como é Cora Novoa, Seeking The Velvet".

A edila incidiu tamén en que "o programa deste concerto fíxose tamén dende a máxima que impera nestas festas, que é que o de 2018 é o Apóstolo das Mulleres". De feito, reiterou Branca Novoneyra, a gran cabeza de cartel deste espectáculo é unha muller, e a presenza feminina é moi destacable en todas as demais bandas que subirán ao escenario da Quintana".

Tanto Paula Vilas como Pedro Solla agradeceron "a oportunidade que brinda o Concello de que nas festas do Apóstolo actúen bandas de aquí". O representante de Atrás Tigre tamén quixo salientar "a aposta que se fai polas bandas galegas, no escenario principal das festas e no horario principal dos concertos, algo que non é o habitual".

Pola súa banda, a representante de Coca Cola reiterou o compromiso da empresa coas principais festas da capital galega. Silvia Rodríguez incidiu en que "a compañía fai sempre unha clara aposta pola industria musical, e neste caso estamos especialmente satisfeitos porque a elevada presenza de mulleres neste concerto vai acorde ao compromiso co empoderamento da muller que está mostrando Coca Cola a través de varios proxectos que ten en marcha".

Atrás Tigre
Olalla Cociña (teclados e voz), Xiana Arias (baixo), Pedro Solla (voz e guitarra) e Antón Blanco (batería) forman Atrás Tigre, un cuarteto con base en Santiago que define o seu son como unha metura de jangle pop, shoegaze e post punk. A poesía tamén está moi presente no seu traballo, influído polo feito de que Olalla, Xiana e Antón son tamén poetas. En 2016 editaron, en cassette, o EP Atrás Tigre, e un ano despois viu a luz o seu debut en formato longo, Fainos saír, desta vez editado en vinilo.

Selvática
Selvática naceu en 2014 en Río de Janeiro, da man de dous mozos emigrados: Manu G. Sanz e Paula Vilas. A finais de 2015 publican o seu primeiro álbum, Un mundo extraño, con temas que oscilan entre a new wave o post punk e os ritmos africanos. En 2016, sae ao mercado o segundo LP, Canciones cariocas, no que Selvática acentúa o seu carácter pop, sen olvidar os matices tropicais e as guitarras surfeiras. O seu terceiro disco, Seres abisales, viu a luz a finais de 2016. Na actualidade forman Selvática Manu G. Sanz (guitarra, voz e saxo), Paula Vilas (teclado e voz), Luismi G. Almuíña (guitrarra), Brais Otero (baixo e saxo) e Daniel Nicolás (batería).

Marem Ladson
Marem Ladson é unha moza metade ourensá metade norteamericana, que aos seus 20 anos está considerada unha das máis firmes promesas do panorama musical español. No pasado mes de maio viu a luz o seu primeiro disco, Marem Ladson, moi agardado dende que o seu primeiro single, "All my storms" a levara a gañar o concurso de bandas emerxentes do Festival Dcode o ano pasado, e a convertela en teloneira de Dirty Ray, Laura Gibson e Alondra Bentley. No seu primeiro disco reúne once cancións que se moven entre o pop, o rock e o folk estadounidense.

Espejos y Diamantes
Carlota Barro e Joaquín García "Quincho" forman o dúo ferrolán de synth pop elegante e emocional que é Espejos y Diamantes. A súa música traslada "un universo persoal cheo de chicos refinados, belísimas en desorde, vaguistas vanguardistas, aventuras NY-inas, Andy Warhol, Pitita Ridruejo, Maruja Mallo, Ana Obregón e Piel Divina". O seu obxectivo, din, "facer algo que soara á elegancia decadente das discotecas vellas dos hoteis, ás salas de festas dun cruceiro, co son techno pop dos 80"-

Cora Novoa, Seeking The Velvet
Cora Novoa é compositora, Dj, e directora creativa/fundadora de Seeking The Velvet, un selo discográfico independente de música electrónica e pop experimental. Distinguida como Mellor DJ do ano na VI edición dos Premios da Música Electrónica Vicious Adwards, leva máis dunha década na industria musical, nas áreas técnica, industrial e creativa. O seu primeiro disco, The secret garden, viu a luz en 2010 e converteuna na artista da música electrónica do ano, encargada de pechar o Sonar de Barcelona e con ducias de concertos por toda Europa e Latinoamérica. O seu último traballo, Figth love faith", no que o pop se abre camiño entre o son electrónico, está editado polo seu propio selo Seeking The Velvet.

Compartir: