FESTAS

Festa de luz, son, pirotecnia e tradición xacobea na noite grande do Apóstolo

24/07/2018 Proxeccións audiovisuais con efectos 3D, música, efectos lumínicos e fogos artificiais volveron protagonizar os Fogos do Apóstolo. O público que encheu a praza do Obradoiro puido repasar en proxeccións cun enfoque cinematográfico dalgúns episodios significativos da tradición xacobea. E tanto os presentes na praza como noutros puntos da cidade, gozaron dunha pirotecnia que este ano tivo máis relevancia.

O espectáculo recuperou elementos propios da tradición xacobea e da cultura compostelá, e fixo un percorrido histórico dende o descubrimento da tumba do Apóstolo ata a construción da cidade histórica, pasando pola presenza de Almanzor en Compostela e pola queima da fachada pre-románica. Tampouco nesta edición faltou a música en directo, a cargo de Cantigas e Agarimos, convertendo o Pazo de Raxoi nunha gran festa.

A produción audiovisual dos Fogos do Apóstolo empregou tecnoloxías de última xeración para proporcionar unha calidade superior equivalente a máis de 4 millóns de píxeles de resolución. Para iso, Acciona Producciones y Diseño empregou 9 proxectores de vídeo de 22.000 lúmenes cada un, 18 focos de iluminación móbiles, e 4 torres de son cunha potencia total de 50.000 watios. En canto á pirotecnia, empregáronse 6.015 efectos de disparo e 366 quilos de pólvora. A parte dos fogos artificiais volveu a correr a cargo da pirotecnia valenciana Ricasa.

Mercedes Peón
Antes dos Fogos, a outra cita grande da xornada foi o concerto de Mercedes Peón na praza da Quintana. A carismáticas artista presentou no Apóstolo o seu último disco Déixaas, resultado dun intenso período de investigación sobre as posibilidades da arte do son.

Mercedes Peón estivo acompañada por Mónica de Nut e Ana Fernández, cun repertorio completado cos músicos Fernando Abreu e Miguel Seoane e a participación de María Reimóndez, xunto á membros da formación coral Concerto Tempo.

A axenda musical da xornada completouse cun novo concerto do ciclo Compostela É! Música na praza do Toural. Desta vez a protagonista foi Mega Purple Sex Toy Kit, unha banda formada por Alfonso Espiño (voz), Marcos Santomé (baixo), Fernando García (órgano Hammond), Uxío Lois Solla (guitarra eléctrica) e Ramón Saleta (batería). Ao tempo, na Alameda, actuaba a Orquestra Metrópolis.

Compartir: