FESTAS

Compostela volve poñer en valor o traxe galego nas festas do Apóstolo

17/07/2018 As festas do Apóstolo volverán reservar unha xornada para poñer en valor o traxe galego e, con el, a nosa cultura. Será o sábado 21 de xullo cando as rúas de Santiago se enchan de persoas ataviadas coa indumentaria tradicional, nunha das citas máis agardadas cada ano na programación dos festexos.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe o Día do Traxe, nunha rolda de prensa na que tamén participou a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Astray, e a responsable de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés-Santiago, empresa patrocinadora da xornada, Eva Calvo.

Branca Novoneyra salientou "a moi boa acollida que ten cada ano o Día do Traxe, unha das citas máis vistosas do Apóstolo". A concelleira animou á veciñanza a "participar activamente nas actividades, porque poñer en valor a nosa indumentaria tradicional é reivindicar a nosa cultura". Ademais, Branca Novoneyra quixo ter unhas palabras de recordo para a que fora presidenta da Asociación, Rita Miramontes, falecida hai poucas semanas. Pola súa banda, Eva Calvo mostrou a "satisfacción de El Corte Inglés-Santiago por facer parte desta xornada, que axuda a coñecer un pouco máis da nosa historia e tamén da nosa cultura, que se plasma tamén a través da moda"

Desfile
O tradicional desfile do Día do Traxe partirá da Alameda ás 12:00 horas e percorrerá a zona histórica pasando por Porta Faxeira, Toural, rúa do Vilar, Praterías, baixando despois ata o Obradoiro e a Igrexa de San Paio de Antealtares. A presidenta da Asociación do Traxe lembrou que "para participar non é preciso inscribirse, senón que abonda con presentarse na saída da Alameda cuns minutos de anticipación". Pilar Astray tamén pediu a todas as agrupacións de baile e música tradicional que "fagan un chamamento ao seu alumado e persoas asociadas para que participen no desfile, botando man dos fondos de vestiario desas institucións". Ao remate do desfile celebrarase unha misa solemne en San Paio de Antealtares, para culminar a mañá cunha recepción no Concello de Santiago.

Certame
Xa pola tarde do 21 de xullo celebrarase o certame de traxes. Como é habitual, as persoas participantes deben congregarse en San Domingos de Bonaval, a partir das 16:00 horas, para que as súas indumentarias sexan analizadas. Despois, ás 19:30 horas, desfilarán dende as portas do Museo do Pobo Galego ata a praza da Quintana, pasando por Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, rúa Nova, rúa do Vilar e Praterías. Na Quintana terá lugar a exhibición de traxes e a entrega dos premios do certame. A Asociación do Traxe Galego tamén fará entrega dos seus galardóns anuais ás persoas que teñan destacado na promoción e difusión das nosas indumentarias tradicionais.

Documentos relacionados



Compartir: