ALCALDÍA

A veciñanza de Salgueiriños, Meixonfrío e Cancelas participa nun novo encontro "Ao vivo"

06/07/2018 A veciñanza dos barrios de Salgueiriños, Meixonfrío e Cancelas participou hoxe nun novo encontro Ao vivo, celebrado na Casa das Asociacións de Benestar Social. A limpeza dos espazos públicos, o mantemento da rede viaria e o futuro da estrutura do parque comarcal de bombeiros foron algúns dos asuntos abordados na reunión desta tarde.

O alcalde, Martiño Noriega, e todos os concelleiros e concelleiras do Goberno tomaron parte do Ao vivo, un encontro deseñado para render contas diante da cidadanía e para recoller as súas demandas. Trátase dun instrumento máis para promover a participación da veciñanza, que vai xa pola súa segunda quenda despois de que o conxunto do Goberno teña percorrido xa a totalidade do termo municipal.

Na reunión de hoxe, a veciñanza interesouse polo mantemento de varias rúas, entre elas a rúa de Salgueiriños. Tamén reclamaron modificacións estruturais noutros puntos dos tres barrios. Un dos que suscitou máis queixas foi a rúa Lavadoiro, que presenta graves problemas de accesibilidade. O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, comprometeuse a buscar unha solución para esta rúa, "que podería pasar por unha ampliación das beirarrúas, aínda suprimindo un sentido de circulación"

Limpeza e compostaxe
No encontro, tamén foron varias as preguntas relacionadas coa limpeza dos espazos públicos, e recolleuse a demanda de incrementar a presenza de papeleiras. A veciñanza mostrou as súas queixas polo estado no que queda a explanada de Salgueiriños os días que hai mercado. Ao respecto, o concelleiro Xan Duro apuntou que se están estudando medidas para "mellorar a limpeza nesas xornadas e evitar que os plásticos e caixas non recollidos polos vendedoras e vendedoras acaben repartidos polas proximidades".

No Ao vivo recolleuse tamén a demanda da cidadanía para incrementar o programa de compostaxe comunitario. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que o Concello ten recibido unha subvención que permitirá instalar vinte novas illas. Tamén avanzou a súa intención de acondicionar unhas hortas urbanas no barrio de Salgueiriños, nunha parcela que aínda está por determinar.

Parque de bombeiros
A veciñanza tamén se interesou hoxe pola estrutura do parque comarcal de bombeiros. O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que o Concello "vén de pagar 1,5 millóns de euros por unha sentenza que obrigaba a abonar a parte do edificio que se construíu, e o Goberno non pode permitir que unha estrutura na que se gastaron tantos cartos públicos quede inutilizada". Ao respecto explicou que a estrutura pode ser aproveitada, e lembrou que o Concello está traballando en colaboración coa Xunta para conseguir a comarcalización do parque de bombeiros, que podería ter a súa sede en Salgueiriños.

Direccións relacionadas



Compartir: