IGUALDADE

Carlos Blanco súmase ao cartel da celebración en Compostela do Orgullo 2018

15/06/2018 O actor Carlos Blanco é a última incorporación ao cartel do programa co que o Concello de Santiago vai celebrar o Orgullo 2018, os días 22 e 23 de xuño. O evento, no que colaboran os colectivos LGTBI, combinará a reivindicación e a celebración cos actos máis lúdicos e festivos.

A praza 8 de Marzo e o Matadoiro acollerán, os días 22 e 23 de xuño, unha chea de actividades de carácter festivo e reivindicativo para celebrar o Orgullo 2018 "e lembrar que somos unha cidade diversa". O programa foi deseñado de maneira conxunta pola Concellería de Igualdade e os colectivos Arelas, AmiZando e Avante.

Os actos darán comezo o venres 22 a partir das 16:30 horas, cunha serie de actuacións de sensibilización deseñadas conxuntamente cos colectivos LGTBI. A xornada comezará cunha mesa redonda na que se falará de igualdade legal e igualdade real, coa mira posta no futuro lexislativo das leis trans e da lei LGTBI. No debate participarán Olalla Rodil, deputada autonómica; o avogado Miguel Vieto; a senadora Vanesa Angustia e a activista Daniela Ferrández. A parte máis reivindicativa finalizará coa lectura do pregón a cargo dun representante dos colectivos.

Xa a partir das 21:00 horas chega o tempo da parte máis lúdica coas actuacións de De Vacas, La Prohibida, DJ Moreno Moreno e Sabela King & The Heartbreakers. O evento estará presentado polo actor Carlos Blanco.

O domingo retómanse os festexos a partir das 11:00 horas cun espectáculo teatral no Matadoiro e cun contacontos para os máis pequenos e pequenas. En sesión vermú, a partir das 13:00 horas, é a quenda do grupo musical Broken Peach, que versiona de maneira divertida os éxitos do momento. Continuarase cos DJ’s PutoChinoMaricón e con Lúa Gándara e Bribatta.

Ambos os días haberá, na praza 8 de Marzo, unha serie de postos informativos nos cales estarán os colectivos LGTBI para dar a coñecer as súas asociacións e as actividades que levan a cabo durante todo o ano. Ademais das actividades previstas polo Concello e as asociacións LGTBI da cidade, os bares, pubs e restaurantes da zona están a participar no deseño deste evento e na súa difusión, levando a cabo actuacións específicas nos seus locais. Os que se suman son Curruncho, Medusa, Bicoca, Bloom, Forum, Matadero, TS- A Casa, Porrón. Miúdo e O Inferno. Tamén moitos comercios do barrio de San Pedro levarán a cabo actividades no marco da celebración do Orgullo.

Documentos relacionados



Compartir: