XUNTA DE GOBERNO

O Goberno destina case 600.000 euros a bolsas de comedor, material e actividades extraescolares para o próximo curso

15/06/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a convocatoria para a concesión de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o próximo curso. O Concello destina a estas axudas un total de 585.900 euros, a cifra máis alta da historia da convocatoria. Ás axudas poden optar o alumnado dos centros públicos e concertados do segundo ciclo de Educación Infantil e de Educación Primaria.

A alcaldesa en funcións, María Rozas, salientou "o esforzo que volve facer o Concello na dotación orzamentaria destas bolsas, que acada a cifra máis elevada da historia da convocatoria". No curso pasado, a partida para as bolsas fora dun total de medio millón de euros, fronte aos 70.000 euros da convocatoria do curso 2013-2014. Rozas incidiu no obxectivo do Goberno de "contribuír á cobertura das necesidades básicas dos e das menores, fomentar a convivencia e a dinámica relacional cos seus grupos de iguais, participar en condicións de igualdade nos recursos comunitarios e escolares, e favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral". A alcaldesa en funcións explicou que "co incremento do orzamento, o Departamento de Políticas Sociais poderá cubrir o mesmo número de solicitudes do ano pasado, e atender tamén a lista de agarda que quedou na modalidade de bolsas de comedor por conciliación".

Bolsas do curso 2017-2018
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén quedou resolta a convocatoria das bolsas de comedor, actividades extraescolares e adquisición de material escolar do curso 2017-2018, á que se destinara un orzamento de case 500.000 euros.

Finalmente concedéronse 438 bolsas de comedor escolar por escaseza de recursos, e outras 50 por conciliación. En canto ás axudas para a compra de material escolar, repartíronse 139; e 392 nenos e nenas resultaron beneficiarios das bolsas para actividades extraescolares.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: