IGUALDADE E MEDIO RURAL

Preto de 50 mulleres participaron nos obradoiros de empoderamento do rural

28/05/2018 As parroquias de Busto, Lavacolla, Laraño, Aríns e Santa Cristina de Fecha acolleron durante os meses de marzo, abril e maio varias sesións do programa Vida Propia, posto en marcha en 2016 pola Concellaría de Igualdade en colaboración coa de Medio Rural para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

En total participaron preto de 50 mulleres, que levaron a cabo dinámicas grupais, de reflexión individual, expresión corporal (comunicación non verbal), xogos cooperativos, xogos musicais, estiramentos e traballo corporal e de relaxación que lles permitiu abordar o traballo dende diferentes ámbitos (intelectual, emocional e corporal) para potenciar o desenvolvemento integral de cada muller. O obxectivo desta actividade era rachar cos estereotipos de xénero, que se observan moito máis nas parroquias que na zona urbana, e crear un espazo de convivencia e intercambio de experiencias entre as mulleres de diferentes parroquias.

A metodoloxía que se utilizou para impartir as sesións foi práctica, participativa e adaptada á realidade concreta das mulleres do municipio. O enfoque de xénero de cada sesión determinou que cada grupo de mulleres fose protagonista dos seus propios procesos de aprendizaxe, polo que foi importante a súa implicación e participación activa, respectando sempre e marcando cada quen o seu ritmo persoal no traballo realizado. A partir dos coñecementos, vivencias e actitudes previas procurouse unha aprendizaxe útil, significativa e construtiva.

Co desenvolvemento destes obradoiros creouse conciencia na sociedade sobre as situación de desigualdade e discriminación das mulleres, facilitándolles estas ferramentas para o empoderamento individual (a través das diferentes dinámicas de traballo) e tamén o empoderamento colectivo (fomentando a creación de redes e a participación social).

Diagnose previa
No ano 2015, a Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago elaborou un informe-diagnóstico participativo sobre a realidade e as condicións de vida das mulleres compostelás, no que se recollía que o rural compostelá, a pesar de ser un espazo amplo (demográfica e territorialmente), seguía a ser descoñecido para a poboación e a atención ás necesidades das mulleres rurais catalogábase como escasa.

Co obxectivo de mudar esta realidade, en marzo de 2016, as concellarías de Igualdade e de Medio Rural impulsaron o programa Vida propia, que buscaba potenciar o empoderamento das mulleres do rural favorecendo o seu crecemento persoal, o seu benestar e a súa calidade de vida. Continuando coa liña de actuación emprendida nos últimos anos e, tendo en conta a demanda de darlle continuidade a este tipo de accións formativas, xurdiu en marzo este novo obradoiro, no marco do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

Compartir: