POLÍTICAS SOCIAIS

Área Central acolle unha nova edición do mercadiño solidario "Trócame-Roque"

28/05/2018 A rede comunitaria de Fontiñas vén organizando dende o 2013 o mercadiño solidario Trócame-Roque, que este ano celebra a súa sexta edición cunha xornada chea de actividades que terá lugar o 1 de xuño en Área Central. A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, deu conta dos detalles deste mercado acompañada de representantes dos colectivos implicados.

Concha Fernández destacou "o traballo da coordinadora de barrio, na que participan máis de 15 entidades co obxectivo compartido de facer un barrio máis solidario". Ademais, referiuse ao éxito do evento, que se constanta no incremento de visitantes e da recadación, pasando na última edición de 1.400 a 2.000 persoas e de 400 euros a máis de 2.000.

O proxecto enmárcase dentro do traballo comunitario que se está levando a cabo no barrio das Fontiñas e no que participan as seguintes entidades: IES Antonio Fraguas, CEIP Fontiñas, CEIP Monte dos Postes, Centro de Día Arela, Cáritas Parroquial das Fontiñas, Programa de Atención a Familias Abeiro (tamén pertencente a Cáritas Diocesana), Cruz Vermella, Fundación Secretariado Xitano, Asemblea de Cooperación pola Paz, Centro de Saúde de Fontiñas, colectivo Barriopía e, por suposto, a Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde (a través da UTS Fontiñas, Programa Municipal Socioeducativo e Programa Municipal de Prevención).

A proposta consiste en levar a cabo un mercadiño desenvolvido principalmente por participantes infantís e xuvenís, no que haxa diferente oferta de intercambio baseado na venda e no troco de produtos feitos a man por eles e elas mesmas e tamén por produtos de segunda man como cómics, dvd’s, libros, xogos... Por iso a participación nos postos está reservada a nenos, nenas, mozos e mozas de entre 8 e 18 anos.

Proxecto solidario
O fin da organización deste mercadiño é sufragar un proxecto solidario situado no propio barrio das Fontiñas. Cada posto doará a cantidade que, en conciencia, considere debe aportar, aínda que se establece un mínimo do 50% do recadado (quedando o 50% restante para sufragar os gastos de material).
A metade do recadado será doado a Cáritas Parroquial para a adquisición de artigos de primeira necesidade e produtos de hixiene persoal. Outro 25% destinarase a sufragar algunha necesidade educativa do barrio, canalizada a través dalgunha entidade social presente na zona. "Por último -explicou a concelleira- o 25% restante destinarase a sufragar necesidades puntuais e urxentes do colectivo de maiores do barrio que se atopen en situación de maior vulnerabilidade social, co fin de promover maiores niveis de autonomía persoal na súa contorna".

Os obxectivos desta acción pasan por fomentar a participación e a dinamización social; reforzar os espazos de encontro e a vida comunitaria no barrio; integrar a tódolos axentes sociais nunha mesma actividade; activar procesos de solidariedade entre a veciñanza, facéndoos conscientes das necesidades do barrio; concienciar aos/ás menores sobre a realidade social e comunitaria na que viven e difundir a importancia de valorar a interculturalidade.

Actividades
Aínda que a acción principal, como todos os anos, segue a ser o mercadiño, en torno a el desenvolveranse unha serie de actividades entre as 17:00 e as 20:00 horas.

A partir das 17:15 horas desenvolveranse catro obradoiros simultáneos de parkour, slackline, breakdance e turntablims DJ. Xa as 19.15 horas comezarán as actuacións musicais que dinamizarán a tarde de mercadiño e nas que se poderá gozar do breakdance e do slackline. Posteriormente tomará o relevo o Sindicato do Metal, do IES Antonio Fraguas.

Estas actividades serán complementadas ao longo da tarde con obradoiros de maquillaxe e globoflexia, a cargo de Cruz Vermella, e o que leva por nome "Leva a túa chapa personalizada", que impartirá a Asemblea de Cooperación pola Paz.

Tamén se porá unha mesa informativa na que as persoas que se acheguen á mesma poidan coñecer ás distintas entidades (sociais, educativas e sanitarias) que traballan na zona, que labor están levando a cabo e a quen dirixirse en caso de necesidade. Na mesma, presentarase unha mostra do material, que dende o eido comunitario, se vén elaborando nos 15 anos de traballo.

Compartir: