ACCIÓN CULTURAL

O Teatro Principal acollera o 19 de maio a III edición da Gala do Libro Galego

09/05/2018 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, participou esta mañá no Teatro Principal na presentación da III edición da Gala do Libro Galego, que terá lugar o sábado 19 de maio neste mesmo recinto e na que serán entregados os premios do ano nas súas diferentes modalidades.

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia únense para poñer en marcha esta iniciativa, que ten como obxectivo recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017. A organización do evento ten carácter rotatorio, polo que este ano correspóndelle aos libreiros a coordinación dos actos.

Branca Novoneyra indicou que "o Concello de Santiago está orgulloso de ser unha das administracións que colaboran na Gala do Libro Galego, unha iniciativa pola que hai que felicitar ao sector, capaz de xuntar forzas e de crear sinerxias. Estamos convencidos de que esa é a mellor garantía de éxito". En palabras da concelleira, "Compostela é unha cidade literaria, a nosa aposta polo sector é evidente, e cremos que todas as iniciativas suman e se complementan. Estamos a crear entre todos a todas un relato de cidade, unha identidade propia".

Pola súa parte, Pilar Rodríguez, presidenta da FLG, reivindicou que tanto dende a creación como dende a produción e a venda cómpre intentar que os libros cumpran o seu grande obxectivo cultural e social. Así, destacou que "as tres asociacións que integramos este proxecto, ademais de celebrar esta festa do libro, queremos esixir dos responsables da cousa pública unha decidida e decisiva intervención a prol da nosa cultura, da nosa lingua e dos nosos libros".

Tamén interveu, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, quen apuntou que "os escritores e escritoras galegas convócanse na Gala do Libro Galego para mostrar a rica produción do sistema literario galego ao longo do ano 2017, produción cualitativa e cuantivamente importante en todos os xéneros literarios". Ademais, lembrou que na Gala lembrarase a Isabel Clara-Simó, nomeada Escritora Galega Universal, cun recoñecemento que, dixo, "supón tamén un recoñecemento da cultura e literatura catalá".

Henrique Alvarellos, vicepresidente da AGE, resaltou que "esta terceira edición da Gala representa a consolidación dunha acción conxunta das tres asociacións que debe ser modelo de traballo para o futuro, tamén noutros eidos de promoción do libro e da lectura".

En representación da Deputación da Coruña tomou a palabra a súa vicepresidenta, Goretti Sanmartin, para salientar que "o desenvolvemento de xeito unitario desta Gala dá boa conta da potencialidade de creadores e creadoras do noso país con propostas de alta calidade nos máis diversos ámbitos, mesmo cando o mundo do libro precisaría moitos máis recursos e apoio, como mostran os recentes datos estatísticos". Ademais, sinalou que "igual que se conseguiu unha unión dos diferentes axentes do sector, debería de haber un pacto institucional, social e político igual que o que significou unha Lei do Libro Galego e o Plan do Libro e a Lectura que están sen desenvolver".

Finalmente, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, resaltou que a Gala vaise consolidando como un espazo para "poñer en valor a produción literaria máis recente e, ao mesmo tempo, facer visible un sector que é un piar imprescindible da nosa cultura". Tamén se referiu á suma de esforzos por parte das principais entidades do sector e das administración públicas de Galicia para levar a cabo a iniciativa.

Direccións relacionadas



Compartir: