LINGUA

Variadas propostas teatrais e musicais na programación de maio do Apego

08/05/2018 O programa Apego trae para este mes de maio varias propostas de teatro, música, obradoiros, contacontos e visitas guiadas. A celebración das Letras Galegas ou dos Maios serán fíos condutores para un calendario no que destaca a programación infantil e familiar prevista no marco das festas da Ascensión no Teatro Principal.

O calendario deste vindeiro sábado 12 de maio abrirase cunhas visitas guiadas á exposición Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia (1956-1976). A través dunha visita e dun obradoiro, Pablo Rodríguez López propón que crianzas e maiores pensen nalgún espazo ou situación que compartan ou sexa significativo para eles.

Esta é unha actividade para nenos e nenas a partir dos 5 anos (acompañados/as de adultos/as), para a que hai que reservar (só visita ou combinada co obradoiro) a través da dirección electrónica exposicions@auditoriodegalicia.org ou nos teléfonos 981 574 152/3. As visitas realizaranse ás 10:00 e ás 16:00 horas, e repetiranse, no mesmo horario, o domingo 13 e o xoves 17.

A Festa no Teatro Principal
Pero o prato forte deste sábado e do domingo será a Festa no Teatro Principal, con actividades diversas e de balde nesta instalación no marco da programación da Ascensión. Abrirán a xornada ás 11:30 horas as sesións de microteatro con Marta Ortiz, Avelino González, Fátima Villamel e Pablísimo. Logo, ás 17:00 horas, vez para Elefante Elegante, Martín Camiña, Vero Rilo e Anxo García. Estas sesións, dirixidas a rapaces e rapazas a partir de 4 anos, teñen 15 prazas, polo que hai que recoller os convites no propio Principal.

A festa segue ás 13:00 horas co espectáculo poético-musical A fiestra dos soños, da compañía Trotaventos. E ás 18:30 horas, Oviravai fará bailar a todos e todas coas cancións de As andanzas de Paio. Ambas as dúas propostas son con entrada libre ata completar a capacidade.

O domingo 13, tamén ás 11:30 horas, haberá unha nova sesión de microteatro, desta vez con Larraitz Urruzola, Ana Carreira, Ghazafelhos e Charo Pita. A Festa no Teatro Principal concluirá ás 13:00 horas con Gatuxo, o espectáculo de Magín Blanco que fusiona as artes, a música, os contos, o clown, a manipulación de obxectos e o claqué, todo interpretado en directo por tres músicos a dúas voces e unha actriz.

Obradoiros e música no Centro Cívico de Santa Marta
Tamén o sábado 12, ás 11:30 horas, o Centro Cívico de Santa Marta acollerá o obradoiro "Cociña en galego", no que se elaborará unha receita de galletas ao son dunha música galega. Hai dez prazas dispoñibles para nenos e nenas de 5 a 12 anos 10 prazas. Inscrición previa ata o 11 no propio centro.

En Santa Marta hai varias propostas máis de obradoiros durante este mes de maio: o martes 15, ás 18:30 h, "Enredando coas letras", obradoiro en torno ao Día das Letras Galegas; o venres 18, ás 18:30 h, "Pequenos lectores", obradoiro de animación á lectura en torno a Mª Victoria Moreno; o sábado 19, ás 11:30 horas, "Cantarelas", obradoiro de primeiras cancións e xogos de mans; e o xoves 24, ás 17:30 h, "Os Maios", obradoiro de construción e danza dos Maios.

O calendario do Centro Cívico de Santa Marta inclúe tamén a proposta Percubebé, con Marcelo Dobode e Bea Martínez. Ademais de inicialas na nos cultura musical, as crianzas aprenderán e gozarán descubrindo o mundo das percusións e da arpa. Sesión pare nenos e nenas de ata 3 anos. Hai 25 prazas, polo que cómpre inscrición previa entre o 14 e o 18 de maio. por correo a dlg@santiagodecompostela.gal.

O mércores 30, ás 18:30 horas, o mesmo centro acollerá a festa musical Pitusa Semifusa, con Olga Brañas e a súa banda. Neste caso son 150 as prazas dispoñibles, con retirada de entradas tanto no Centro Cívico de Santa Marta como no Teatro Principal a partir do martes 22 de maio.

Pum, Pum!, de Baobab Teatro
Outra proposta destacada no eido teatral é a representación de Pum, Pum! a cargo de Baobab Teatro. Será o sábado 26 , ás 18:30 horas, no Teatro Principal. As entradas teñen un prezo de 4 euros, se ben se pode adquirir un bono familiar (4 entrada) por 12 euros. Están á venda no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado e días de evento, de 18:00 a 21:00 h), no 981 910 522 e en entradas.abanca.com.

Máis actividades
A programación do Apego de maio complétase con outras dúas actividades: "Peque-obra dos venres: traballa o teu conto", obradoiro de animación á lectura (venres 18, ás 18:00 horas, no Centro Cívico de Vite); e un roteiro de recoñecemento das árbores do parque de Belvís (sábado 19, ás 11:30 horas, no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela).

Direccións relacionadas



Compartir: