ACCIÓN CULTURAL

Acción Cultural destina 150.000 euros ao financiamento de procesos e actividades culturais

26/04/2018 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá en rolda de prensa as bases reguladoras da convocatoria aberta de axudas a proxectos e actividades culturais 2018-2019. Co obxectivo de fomentar a autonomía e a consolidación do tecido cultural da cidade e paliar a precariedade laboral do sector, a Concellaría adxudicará un fondo total de 150.000 euros co que as persoas e colectivos solicitantes poderán financiar até o 80% dos proxectos presentados. A resolución desta convocatoria plurianual contempla dúas categorías de axudas que recollen as propostas achegadas por persoas e entidades profesionais e os proxectos de colectivos sen ánimo de lucro.

A concelleira convocou aos e ás interesadas en concorrer no proceso a participaren nun novo encontro cultural aberto que analizará polo miúdo as bases reguladoras unha vez estas sexan publicadas no BOP. O foro terá lugar o martes, 15 de maio, ás 19:30 horas, no Auditorio de Galicia. Aínda así, co gallo de que os e as interesadas teñan tempo para preparar os proxectos, as bases penduraranse hoxe mesmo, 26 de abril, na web da Concellaría de Acción Cultural.

Novidades da convocatoria
O orzamento destinado para as axudas a procesos e actividades culturais 2018-19 triplica a contía destinada á última convocatoria deste tipo, realizada en 2016. Entre os aspectos salientables das novas bases figura a posibilidade de percibir un adianto do 80% da axuda concedida tras a resolución da concesión para aquelas actividades realizadas en 2018.

Modalidades e solicitantes
As axudas distinguen dúas modalidades con beneficiarios e orzamentos diferentes:

Por unha banda, diríxese a persoas físicas e xurídicas, empresas, agrupacións e asociacións dedicadas profesionalmente á produción de actividades culturais e artísticas con sede social en Galicia. A dotación total desta modalidade é de 100.000 euros. O importe máximo para cada proxecto poderá chegar aos 15.000 euros e supor até o 80% do custo da actividade subvencionable.

Pola outra, convoca a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, dedicadas á produción de actividades culturais que tamén desenvolvan a súa actividade na nosa comunidade. Neste caso, disponse dunha contía total de 50.000 euros. O importe máximo para cada proxecto poderá chegar aos 5.000 euros e supor até o 80% do orzamento da actividade.

Actividades subvencionables e prazo de presentación
A convocatoria busca abeirar actividades culturais e artísticas de amplo espectro orientadas a todo tipo de públicos e idades, que respondan aos criterios xerais de valor artístico, interese social, innovación, diversidade, redistribución territorial, desestacionalización da oferta cultural e traballo en rede. Subvencionaranse accións e procesos de natureza cultural dirixidos a diversificar a oferta cultural municipal en calquera das súas manifestacións. A convocatoria acollerá, así, festivais, ciclos de programación, actuacións de teatro, danza, circo, maxia, performance, arte en acción, concertos, arte sonora, poesía, audiovisuais, exposicións, laboratorios e calquera outro tipo de accións multidisciplinares que se desenvolvan do 1 de xaneiro de 2018 ao 31 de maio de 2019.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles, contados a partires do día seguinte da publicación da convocatoria no BOP. As solicitudes presentaranse no rexistro do Concello de Santiago de Compostela ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Comisión avaliadora e criterios
Para a concesión das axudas, en réxime aberto de concorrencia competitiva, comporase un tribunal avaliador que será presidido polo director-xerente do Auditorio de Galicia, e contará cun equipo de vogais composto por dous técnicos da área de Cultura e dous representantes do sector, amais dun secretario que actuará con voz pero sen voto.

Na avaliación das propostas teranse en conta os seguintes criterios:

• A traxectoria do proxecto, até 3 puntos.
• A traxectoria dos solicitantes, até 4 puntos.
• A innovación ou a inexistencia de actividades semellantes no ámbito ao que se dirixe, até 10 puntos.
• A creación de novos públicos, até 4 puntos.
• A integración da perspectiva de xénero, até 4 puntos.
• A posta en valor do patrimonio cultural material e inmaterial , até 3 puntos.
• O equilibrio territorial na oferta cultural con especial atención ao rural, teranse en conta as accións que o proceso ou actividade desenvolva fóra do ámbito urbano, até 6 puntos.
• O co-financiamento, até un máximo de 6 puntos a razón de 1 punto por cada 10% de financiamento externo á organización desta esta convocatoria.

Resolucións
Logo da avaliación das propostas, a Xunta de Goberno ditará resolución no prazo máximo de catro meses desde que conclúa o prazo de presentación de solicitudes. Será motivada e mencionará as persoas e entidades beneficiarias e a contía das axudas concedidas. A relación e beneficiarios e o importe de axudas concedidas serán publicados na sede de Transparencia da Actividade Pública da web da Concellaría de Acción Cultural.

Compartir: