ALCALDÍA E DEPORTE

Compostela súmase á celebración do Día da Educación Física na Rúa

25/04/2018 Case 850 escolares de sete centros de Compostela participaron este mércores nas actividades do Día da Educación Física na Rúa. A actividade está organizada polo IES Rosalía de Castro e conta coa colaboración do Concello de Santiago.

Os nenos e nenas practicaron deporte ao aire libre na praza da Quintana, ata onde se achegaron o alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Deporte, Noa Morales. O obxectivo deste día pasa por amosar a importancia da educación física para o desenvolvemento integral en todas as idades, fomentar a práctica deportiva e concienciar dos altos índices de sedentarismo no noso país.

Ademais do IES Rosalía de Castro, tamén participaron o San Pelayo, o colexio Vilas Alborada, o Raíña Fabiola, Nosa Señora dos Remedios, Ramallosa e San José de Cluny.

Trátase do segundo ano que se celebra esta xornada fóra dos centros educativos, concretamente na praza da Quintana. Ademais de ser unha cuestión persoal, é tamén unha cuestión social segundo os organizadores do evento posto que Galicia é unha das rexións de Europa con maior taxa de obesidade infantil.

Xurdida en 2011
O Día da Educación Física na rúa xurdiu en 2011 da man de Fran Flórez, profesor dun instituto asturiano que quixo ensinar aos seus alumnos e alumnas como é o traballo que se realiza na aula. Nesa primeira edición participaron 125 escolares e agora, en 2018, serán arredor de 30.000 en todo o Estado.

Compartir: