DEPORTE

Santiago de Compostela acolle esta fin de semana unha proba do Campionato do Mundo de Enduro

24/04/2018 A concelleira de Deporte, Noa Morales, deu conta esta mañá dos detalles da proba do Campionato do Mundo de Enduro que se celebrará en Compostela os días 27, 29 e 29 de abril. Na presentación tamén estiveron a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez; o presidente da Federación Galega de Motociclismo, José Canda, e o piloto e inspector da FIM Enduro World Championship, Maurizio Micheluz.

A carreira é a segunda proba dun renovado Mundial que arrincou o pasado mes en Finlandia. Contará ademais cun escenario de luxo, xa que a proba arrancará na praza do Obradoiro, "lugar no que nos atopamos hoxe presentando a proba e onde o venres 27 quedará instalado o parque pechado correspondente a esta xornada", tal e como explicou a concelleira Noa Morales, quen engadiu que "Compostela se vai converter na capital mundial do enduro".

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, incidiu en que "Galicia ten moitísimos lugares excepcionais e deportes que se realizan ao aire libre na temporada de verán o que poderá ver a xente cando visite Santiago esta fin de semana".

Pola súa parte, Mauricio Micheluz quixo "agradecer ás institucións o apoio para desenvolver esta proba", que reunirá en Compostela a preto de 600 pilotos de todo o mundo e de 6.000 visitantes. Finalmente, o presidente da Federación Galega de Enduro, José Canda, explicou os pormenores da proba, que comezará os dous días da fin de semana ás 9 da mañá.

Despois da inauguración na praza do Obradoiro, as probas trasladaranse as inmediacións do Estadio de San Lázaro e do Polígono Industrial da Sionlla, onde estarán situados o paddock, a área de adestramento, o supertest do venres e a extrema, así como a saída, meta, parque cerrado, e podio os días 28 e 29. O paddock terá un tamaño de 12.000 metros cadrados habilitado con tomas de corrente, auga, wifi, servizos e duchas, e un secundario, que engadirá outros 3.000 metros cadrados dispoñibles.

No referente á proba, os participantes darán tres voltas a un percorrido de 70 quilómetros no que se intercalarán dous controis, un tramo -7 km.-, unha crono -5 km.-, e a extrema -2 km.-, permitindo ao público ter un cómodo acceso a unha sección trialera que se atopará a escasa distancia do paddock.

Documentos relacionados



Compartir: