ALCALDÍA

Martiño Noriega recibiu o viceconselleiro de Cultura de Euskadi, Joxean Muñoz

24/04/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, recibiron este martes o viceconselleiro de Cultura do País Vasco, Joxean Muñoz.

O viceconcelleiro vasco está na cidade para participar esta tarde no Encontro Aberto co Sector Cultural de Compostela. Muñoz presentará as propostas e accións emanadas da estratexia ICC Euskadi 2017-2020, co obxectivo de analizar posibles vías de aplicación destas achegas ao caso galego e contribuír así ao desenvolvemento e internacionalización das ICC’s no noso país.

Joxean Muñoz, viceconselleiro de Cultura do Goberno Vasco, é licenciado en Historia da Arte Contemporánea pola UAB e conta cun Mestrado en Escritura de Guións Cinematográficos da Fundación UAM-Viridiana. Escritor e poeta en lingua éuscara, é tamén guionista e director de cinema de animación. O seu filme Karramarro uhartea (A illa do cangrexo), co-dirixido por Txabi Basterretxea, foi premiado co Goya á mellor película de animación en 2001.

Programador e xestor cultural, entre 1994 e 1996 integrou o equipo de dirección de Eremuak, o Festival Internacional de Cinema en Linguas Minorizadas de Zarautz, e do 2006 ao 2010 foi director xeral do Proxecto Tabakalera (Centro Internacional de Cultura Contemporánea) en Donostia–San Sebastián.

Compartir: