CENTROS CÍVICOS

A rede de Centros Cívicos súmase á celebración do Día Internacional do Libro

20/04/2018 A rede de Centros Cívicos súmase á celebración do Día do Libro cun amplo calendario de actividades que se desenvolverán nos centros de Fontiñas, Vite, Santa Marta e Conxo. A concelleira Concha Fernández presentou hoxe a programación, que inclúe exposicións, lecturas de textos, obradoiros infantís e trocos de libros.

A concelleira de Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou hoxe a programación, acompañada polo responsable das bibliotecas dos centros, Paco Cillero, e da técnica da rede, Guadalupe Rodríguez. A edil lembrou que "os Centros Cívicos levan anos desenvolvendo un importante labor no fomento da lectura, sobre todo entre os máis novos, e esta celebración é unha desculpa para incidir nese obxectivo".

Exposicións e murais
No marco da celebración do Día Internacional do Libro organizáronse catro exposicións. No centro de Vite xa se pode visitar unha mostra sobre Hans Christian Andersen, para dar a coñecer a súa figura e a súa obra. Ademais, a partir de mañá, sábado, a biblioteca José Saramago quedará ambientada como se se tratara da biblioteca do Nautilus. No centro de Fontiñas tamén se vai abrir unha mostra sobre Hans Christian Andersen, a partir o 24 de abril; e en Santa Marta haberá unha exposición que recollerá as recomendacións literarias da veciñanza. Neste caso, está previsto que a mostra quede instalada coincidindo co Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Doutra banda, no centro de Vite xa se pode ver un mural con libros moi coñecidos, que se van mudando cada dous ou tres días, e que ten como obxectivo que os usuarios e usuarias voten polas súas obras favoritas para facer despois unha listaxe sobre os gustos da veciñanza. A iniciativa manterase ata o 25 de abril. No Centro Cívico de Fontiñas a semana que vén quedará instalado un mural no que as persoas usuarias do centro poderán deixar as súas mensaxes en verso; e tamén no centro de Conxo quedará instalado un mural de poesía, xa ao longo do mes de maio.

Lecturas e intercambio de libros
Ademais de das exposicións, Hans Christian Andersen tamén será a figura central dalgunhas das lecturas de textos organizadas para celebrar o Día Internacional do Libro. No centro de Fontiñas, o 25 de abril, farase un percorrido pola vida e contos do autor, lembrando fragmentos da súa obra. Será a partir das 18.30 horas. No Centro Cívico de Conxo optouse por ler anacos das obras de Rosalía de Castro. Será o 27 de abril.

En canto aos trocos e liberación de libros, están previstos en Santa Marta, ata o 27 de abril; en Conxo, a partir do día 23; e en Fontiñas, a partir do 24. Neste caso, tamén se fará unha solta de libros polo parque anexo ao centro cívico. Ademais, o centro de Vite fará mañá, 21 de abril, unha actividade na que regalará libros na zona histórica, aproveitando o excedente de volumes doados na biblioteca. Este centro fará unha segunda solta de libros no barrio de Vite, o mércores 25 de abril.

Por último, e no marco da celebración do Día Internacional do Libro, o Centro Cívico de Conxo acollerá o 25 de abril, ás 19.45 horas, unha representación do espectáculo "O conto dos contos", a cargo do club de pequenas lectoras do centro.

Documentos relacionados



Compartir: