PLENO

Aprobada definitivamente a municipalización dos servizos da ORA e do guindastre

15/03/2018 O Pleno da Corporación municipal aprobou hoxe, de forma definitiva, a municipalización dos servizos da ORA e o guindastre. Péchase así o expediente iniciado hai algo máis de dous anos, cando unha sentenza xudicial anulara a concesión feita en 2012 á empresa Setex Aparki.

A aprobación definitiva da municipalización contou cos votos favorables de Compostela Aberta e BNG, a abstención do PSOE e a oposición de PP. Na votación previa para levantar o reparo que a Intervención municipal lle interpuxera ao expediente, votaron a favor Compostela Aberta e BNG, e en contra PSOE e PP. Esta votación resolveuse co voto de calidade do alcalde. Á sesión asistiron os traballadores da ORA e do guindastre, e un deles, Álvaro Campos, tomou a palabra ao comezo do pleno.

Na súa intervención, o alcalde reiterou o convencemento de que "a ORA e o guindastre son pezas fundamentais na mobilidade da cidade de Santiago", e incidiu en que "a municipalización do servizo permitirá aplicar políticas públicas que serán beneficiosas para a cidadanía". Martiño Noriega tamén defendeu que "o Goberno está amparado xuridicamente nun contexto controvertido no que hai diferentes enfoques, pero no que temos informes sobrados que avalan que se antepoñan os dereitos laborais dos traballadores do servizo". Nesa liña, indicou que "a posición do Executivo local está reforzada coa nova Lei de Contratos que acaba de entrar en vigor, no que ten que ver coa subrogación dos empregados do servizo".

O alcalde defendeu novamente a recuperación de servizos "nun marco normativo que claramente está deseñado para externalizalos en favor das empresas". Martiño Noriega reiterou que "non é asumible que a unha administración se lle esixan cinco veces máis garantías que a unha empresa para xestionar directamente un servizo", e mostrou o seu convencemento de que "o Concello de Santiago está preparado para afrontar a municipalización, que tras o pleno desta tarde se fará efectiva no prazo dunhas semanas

Depuradora
No pleno desta tarde tamén quedou rexeitado o convenio con Acuaes e Augas de Galicia para a construción da depuradora do Souto, cos votos en contra de Compostela Aberta. Os tres grupos da oposición rexeitaron participar na votación.

O alcalde reiterou que a proposta de convenio realizada por Acuaes "é prexudicial para Santiago, porque falta seguridade xurídica e porque o reparto que se fai do financiamento é inxusto para a capital galega". Martiño Noriega avanzou que nos próximos días "o Goberno dará a coñecer unha nova proposta para a EDAR, aproveitando o traballo feito nos últimos meses e que Acuaes e Augas de Galicia non quixeron introducir na proposta de convenio votada hoxe".

Compartir: